25 de Novembro

25 de Novembro o Día internacional da loita contra a Violencia cara ás mulleres.

En 1981, durante o Primeiro Encontro Feminista Latinoamericano e do Caribe, as mulleres reunidas en Bogotá designaron o día 25 de novembro como Día Internacional da Loita contra a Violencia cara ás Mulleres.

Un 25 de novembro de 1960, as irmás Patria, Minerva e Teresa Mirabal, combatentes revolucionarias contra o réxime de Trujillo, foron brutalmente asasinadas tras acudir a visitar aos seus compañeiros, presos políticos do ditador dominicano. Elas convertéronse no símbolo da loita contra esa ditadura.

Dez anos máis tarde, o Instituto de Liderado Global das Mulleres (1991) propuxo realizar anualmente unha campaña internacional de activismo contra a violencia cara ás mulleres que abarca desde o 25 de novembro ata o 10 de decembro, data na que se conmemora o aniversario da firma da Declaración dos Dereitos Humanos en 1948, dezaseis días nos que se traballa, desde moi distintas frontes, para sensibilizar á sociedade sobre este problema que afecta ás mulleres de todo o mundo.

Concello de Narón, que diariamente traballa para a erradicación da violencia de xénero na nosa sociedade, súmase anualmente a estas xornadas con distintos actos e actividades, para os que conta coa participación e colaboración das asociacións de mulleres e outras organizacións e entidades cidadás, uníndose igualmente a todos aqueles actos organizados por estes colectivos, destinados á sensibilización da sociedade naroniana sobre a necesidade de articular todo tipo de medidas para contribuír á erradicación da violencia cara ás mulleres.

Os carteis do 25N ao longo dos anos

Fai clic sobre a imaxe para ver os carteis que publicou o Concello de Narón para conmemorar o 25N ao longo de todos estes anos.