Outras Publicacións

A continuación tedes un resumo doutras publicacións de interese:

A igualdade é, ante todo, redistribución de presenza e tempos e recoñecemento de capacidades e esforzo. Mudar os hábitos no mundo do fogar tamén implica modificar o mito da conciliación como cousa de mulleres. Tanto homes como mulleres necesitan compatibilizar a vida persoal, familiar e laboral para, deste xeito, poder contribuír a construír unha sociedade sa e equilibrada.

Un acceso axeitado á información permite tomar as decisións máis pertinentes en cada momento e poder actuar con maior liberdade. Aínda que vivimos nunha sociedade que tende a gabarse da facilidade coa que as persoas poden ter acceso á información, o certo é que moitas veces para temas importantes reina a desinformación.

Un dos temas sobre os que é moi importante ter a información acaída refirese as obrigas que implica o contrato matrimonial. Durante séculos o matrimonio significou unha forma de titorización patriarcal para as mulleres. Agora como contrato entre persoas con iguais dereitos e obrigas debe vivirse en pé de igualdade.

O coñecemento dos recursos é un xeito de botar luz sobre unha realidade que viven moitas mulleres en silencio, con medo e sen saber con quen falar. Non podemos permitir que a violencia se perpetúe pola falta de información. Estamos obrigadas e obrigados a mobilizar a conciencia da sociedade para poder eliminar a expresión máis brutal da desigualdade, a violencia de xénero.

Na actualidade dispoñemos de mecanismos legais e administrativos para a visibilización e tratamento da violencia de xénero, pero aínda o camiño xurídico que unha muller debe seguir para saír da espiral de violencia, ás veces, non é totalmente coñecido.

A Comunidade Autónoma de Galicia reforza, a través da presente lei, o seu compromiso na eliminación da discriminación entre mulleres e homes e na promoción da igualdade, atribuíndolle a maior efectividade posible, no seu campo de competencias, ao principio constitucional de igualdade de oportunidades entre as persoas de ambos os sexos, de conformidade coas obrigas impostas aos poderes públicos de Galicia no artigo 4 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía para Galicia.

Constitúe o obxecto desta lei a adopción en Galicia de medidas integrais para a sensibilización, a prevención e o tratamento da violencia de xénero, así como a protección e o apoio ás mulleres que a sofren.