O Concello levará a cabo a campaña “A igualdade polos pelos”

Publicado o 23 de Febreiro de 2023

O Concello de Narón promove a campaña “A igualdade polos pelos”, de sensibilización, prevención e difusión dos recursos e prestacións existentes en materia de violencia de xénero. 

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presentou hoxe a iniciativa xunto coa edil de Igualdade, Mar Gómez, recordando que se realiza en colaboración cos salóns de peiteado e estética da cidade.

Dende hai uns días estase realizando unha rolda de visitas por establecementos locais do sector co fin de ofrecer información desta campaña e tamén a posibilidade de asistir ás sesións formativas que se levarán a cabo os días 13 e 21 de marzo –de 10.00 a 12.00 e de 17.00 a 19.00 horas respectivamente- nunhas instalacións municipais. Os establecementos interesados en informarse ou anotarse nesas sesións poden tamén facelo chamando ao número de teléfono 604 033 515 ou escribindo ao correo electrónico: aigualdadepolospelos@gmail.com, facilitando nome e apelidos da persoa interesada, nome do establecemento e un teléfono de contacto.

“A través desta campaña apóstase por implicar aos diferentes axentes sociais, e neste caso ao persoal dos salóns de peiteado e estética, na prevención e detección das violencias machistas, creando unha rede de espazos aliados contra a violencia de xénero”, explicou Ferreiro. Os locais que se adhiran contarán con carteis, dípticos informativos sobre a violencia de xénero e os recursos públicos nesta área e cun adhesivo distintivo na porta, o que os identificará como espazos aliados.


A rexedora local indicou que os locais participantes recibirán unha serie de formación específica para coñecer máis polo miúdo que é a violencia de xénero, como actuar ante ese tipo de situacións e que recursos públicos existen para ofrecer asesoramento ás vítimas ou denunciar ese tipo de agresións. 


Dende o Consistorio apostouse por traballar con establecementos que representan un espazo de oportunidade para a visibilización e a toma de consciencia dos impactos da violencia de xénero, animando aos establecementos interesados en colaborar a adherirse á iniciativa.


A campaña “A igualdade polos pelos” está financiada con fondos do Pacto do Estado e as accións programadas con cargo á mesma estenderanse ata o vindeiro mes de xuño, co obxectivo de poder darlle continuidade á rede xerada en vindeiras edicións, tal e como avanzou Ferreiro.