O Concello destina máis dun millón de euros ó servizo de axuda a domicilio

Publicado o 09 de Febreiro de 2012

Actualmente aténdense a 140 usuarios e usuarias
 

O Concello de Narón destina nos Orzamentos Municipais do 2012 unha partida de 1.050.000 euros para o servizo de axuda a domicilio, dirixido a persoas que precisan asistencia para desenvolverse e que recibiron a valoración correspondente ó seu grado de dependencia por parte dos Servizos Sociais Municipais.

Actualmente, a Axuda a Domicilio préstase a dous tipos de usuarios: os de Dependencia (97 usuarios actuais) e os de libre concorrencia (43 usuarios actuais) a través da empresa concesionaria deste servizo, cunha prantilla de 81 traballadoras prestando o mesmo en Narón.

Para coñecer de primeira man o funcionamento do servizo e a situación de cada usuario, a Concellaría de Acción Social  ten iniciado o pasado 14 de decembro de 2011 unha rolda de visitas que a levarán a tódolos fogares nos que se presta este servizo, previa autorización por parte dos usuarios ou dos seus familiares.