Nova mesa redonda dentro do programa de saúde mental

Publicado o 27 de Abril de 2023
Nova mesa redonda dentro do programa de saúde mental

O centro cívico de Piñeiros acollerá este sábado unha mesa redonda do programa de Prevención da depresión e mellora da saúde mental.

O ciclo de conferencias do programa de Prevención da depresión e mellora da saúde mental impulsado polo Concello continuará este sábado no salón de actos do local social de Piñeiros. Así o recordou o concelleiro de Sanidade, Manuel Ramos, que apuntou que nesa ocasión será Lidia Paz, psicóloga especializada en psicoloxía clínica a ponente convidada.

“Vivir cun problema de saúde mental, a importancia de comprender e empatizar” é o título da mesa redonda que dará comezo ás 11.00 horas. A convocatoria é aberta á cidadanía en xeral, podendo asistir todas as persoas que o desexen ata completar a capacidade da sala. Ramos recordou que a iniciativa forma parte do ciclo de conferencias “A saúde mental é cousa de todos e todas”, iniciado o pasado mes de marzo e que rematará en xuño deste ano.

As seguintes conferencias programadas a través deste ciclo terán lugar, tal e como avanzou o edil de Sanidade, os días 11 e 27 de maio. Na primeira xornada, o día 11 ás 19.30 horas, será a psiquiatra e psicoterapeuta orientada ao trauma Anabel González a encargada de falar ao público sobre “Cambios vitais: como afrontar os momentos de cambio na nosa vida”. Na seguinte convocatoria fixada o 27 de maio ás 11.00 horas, a psicóloga xeral sanitaria especializada en sexoloxía, terapia sexual e de parellas abordará o tema da “Sexualidade e relación de parellas: vínculos, como afectan á nosa saúde mental”. Estas dúas conferencias levaranse a cabo no salón de actos do Centro Cívico Social do Alto do Castiñeiro.

“Estas convocatorias concíbense como un espazo de encontro e reflexión sobre un tema de gran relevancia na nosa sociedade, como é o da saúde mental, un problema que padecen moitas persoas e que temos que visibilizar, de aí a organización deste programa municipal”, asegurou Ramos. O edil naronés destacou a excelente acollida que este ciclo de conferencias está tendo entre a cidadanía e animou ás veciñas e veciños a acudir ás mesmas.

O centro cívico de Piñeiros acollerá este sábado unha mesa redonda do programa de Prevención da depresión e mellora da saúde mental