A igualdade salarial no Estado

Publicado o 22 de Febreiro de 2012

Segundo datos do Eurostat a desigualdade salarial entre mulleres e homes sitúase nun 16,1 %, é dicir, 59 días máis de traballo para cobrar o mesmo.

Os datos de Eurostat cifran a desigualdade salarial en España nun 16,1 por cento, --59 días máis que os homes para cobrar o mesmo--, aínda que só ten en conta a comparación de soldo bruto por hora en empresas de máis de dez traballadores.

Esta realidade, permanece "invariable" ao longo dos anos motivada por diversos factores, como a concentración do emprego feminino en sectores con menor retribución, o déficit de corresponsabilidade" xeneralizado no Estado ou os estereotipos. Afecta a todas as mulleres, pero especialmente a mozas de até 35 anos e ás de entre 39 e 59.

A fenda salarial reprodúcese en todos os sectores de actividade. As diferenzas son maiores nos sectores con máis cualificación, de modo que en actividades científicas e técnicas, elas perciben o equivalente ao 65 % do soldo dos homes.

PARO E XUBILACIÓN

Estas desigualdades non só afectan ao presente das traballadoras senón que a súa posición como asalariadas determina a súa posición como paradas ou como xubiladas.

Respecto das pensións, o importe medio para os homes en 2010 foi un 61,44 por cento superior ao das mulleres. Tomando en conta só as de xubilación, a fenda foi do 40,68 por cento, xa que de media, elas percibiron 592 euros ao mes fronte aos 998 deles. En total, reciben o 75 por cento das pensións de xubilación inferiores a 500 euros ao mes, o 93% das de viuvedade e o 81,7 por cento das non contributivas.

OS RECORTES AFECTAN SOBRE TODO ÁS MULLERES

Vaticínase un empeoramento da situación pola reforma laboral aprobada nos últimos días en cuestións que afectan directamente ao emprego feminino, como a redución da xornada laboral por fillos a cargo, aspecto modificado na última reforma aprobada.

Recortar outros aspectos como a Lei de Dependencia ou a promoción da educación de 0 a 3 anos traerá consecuencias directas na incorporación da muller ao mercado laboral.