A alcaldesa reuniuse coa presidenta da Asociación para a Loita contra a Violencia de Xénero

Publicado o 16 de Febreiro de 2023

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presidiu unha reunión programada coa Asociación para a Loita contra a Violencia de Xénero (Alvixe), á fronte da que está Beatriz Sestayo. 

Na xuntaza participaron tamén a edil de Igualdade de Narón, Mar Gómez; a responsable do Servizo Sociocomunitario Municipal, Mercedes Taibo, e Ana Galego, Isabel Crespo e María Egea, integrantes da directiva de Alvixe. 

No transcurso da xuntanza as representantes do goberno local e de Alvixe tiveron a oportunidade de intercambiar impresións sobre o traballo que se realiza tanto dende o Concello como dende a asociación para loitar contra a violencia de xénero. Así mesmo, abordouse a posibilidade de establecer novas vías de colaboración coas que continuar aunando esforzos e traballando para tratar de erradicar esta lacra social.

Ferreiro recordou parte do labor que dende o Consistorio se está realizando para loitar contra a violencia de xénero, traballando con diferentes colectivos como os centros de ensino con programas específicos e tamén con outras iniciativas como a posta en marcha do Punto Violeta de Narón, no que se ofrece información e asesoramento ás persoas que se acheguen ao mesmo, ao ter unha ubicación itinerante.