222 escolares participaron na elaboración dos murais “As mulleres pintan moito na historia”

Publicado o 16 de Abril de 2021

Cinco centros do municipio participaron nesta iniciativa impulsada pola concellería de Ensino

 

 

A concellería de Ensino, dirixida pola edil Mercedes Taibo, impulsou un ano máis a iniciativa “As mulleres pintan moito na historia”, un programa de decoración de espazos urbáns nos centros educativos. Este ano participaron na convocatoria un total de 222 rapazas e rapaces de educación Primaria e Secundaria, tal e como indicou Taibo, que destacou a calidade dos traballos realizados polo alumnado dos CEIP A Solaina, Virxe do Mar e A Gándara, do CPI O Feal e do IES As Telleiras.

Dende comezos do pasado mes de marzo realizáronse nos centros cinco murais, con técnicas de graffiti e pintura, adicados neste curso escolar a mulleres relevantes na historia por ser pioneiras, defensoras do feminismo e un exemplo a seguir no camiño da loita pola igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Dos cinco murais realizados os escolares de cuarto de Primaria do CEIP da Solaina, de terceiro da ESO do CPI do Feal e de terceiro e quinto curso de Primaria do CEIP Virxe do Mar adicáronse a Elisa e Marcela, pioneiras dos dereitos do colectivo LGTBI e protagonistas do primeiro matrimonio entre dúas mulleres do que hai constancia en España, en xuño de 1901. Alumnado de educación Plástica do IES As Telleiras adicou o deseño á pintora lucense Maruja Mallo, unha das principais representantes da Xeración do 27 en España, e os escolares de sexto de Primaria do CEIP A Gándara a Isabel Zendal, tamén galega e primeira enfermeira en participar nunha misión internacional. 

“O alumnado destes centros coñeceu a biografía das protagonistas destes murais nas aulas para posteriormente participar no deseño realizado co fin tamén de visibilizar o papel relevante das mulleres ao longo da historia e, ao tempo, serviu para fomentar a creatividade dos menores e tamén o traballo en grupo”, explicou Taibo.

Os cinco murais realizáronse cumprindo os protocolos da Covid-19, en grupos burbulla que traballaron en zonas exteriores e coordinados cos monitores desta actividade.