A violencia de xénero

A violencia de xénero é a manifestación máis grave da desigualdade.

Comprende calquera agresión física, psicolóxica ou sexual sobre as mulleres polo mesmo feito de selo e é utilizada polo home para exercer o seu poder e manter á muller nunha posición de subordinación.

A violencia de xénero prodúcese en todos os ámbitos das relacións persoais: maltrato nas relacións de parella, agresión sexual na vida social e acoso no medio laboral.

Denomínase violencia doméstica aquela que se produce no ámbito familiar. Entre agresor e vítima existe ou existiu unha relación de afectividade ou parentesco. Así se inclúen no concepto de violencia doméstica as agresións por parte do cónxuxe ou parella, con ou sen convivencia, actuais ou pasados; do pai ou nai; dos fillos e fillas...

A violencia, en xeral, e a violencia de xénero nas relacións de parella, en particular, pode ter distintas manifestacións:

Violencia Física. Calquera agresión dirixida ao corpo da muller como empurrar, beliscar, abanear, morder, dar puñadas, patadas, labazadas, intentar estrangular, etc.. Tamén inclúe lanzar obxectos ou causar feridas cunha arma ou calquera instrumento (un cinto, un pau, unha botella...).

Violencia Psicolóxica. Causar dor e sufrimento emocional mediante accións que degradan ou controlan á muller, como insultos, comentarios humillantes sobre o aspecto físico, a falta de habilidades, acusacións repetidas de infide¬lidade, control das amizades e do diñeiro, ameazas de afastar á nai dos seus fillos/as, ameazas de morte ou de ocasionar un mal...

Violencia Sexual. A participación forzada en calquera tipo de actividade sexual. Ninguén ten dereito a obrigar a unha muller a ter relacións sexuais se ela non quere, tampouco o cónxuxe ou compañeiro. Se se utiliza a forza ou se ameaza para conseguir o consentimento da muller, prodúcese unha agresión sexual.

A miúdo, tras un episodio de violencia física, o agresor esixe manter relacións sexuais, o que supón unha nova agresión pois a muller, dada a situación psíquica e emocional en que se atopa, non é libre para prestar o seu consentimento.

Con gran frecuencia a muller tarda anos en poñer fin á situación de violencia da que é vítima, sucedéndose os distintos tipos de agresións descritas. Esta situación, que atenta contra a paz familiar e na que o agresor provoca un ambiente de dominación e temor que é sufrido por toda a familia é o que se denomina VIOLENCIA DOMÉSTICA OU FAMILIAR.

O maltrato é un proceso cíclico que se inicia cunha fase de acumulación de tensión (agresións verbais e psíquicas), seguida dunha fase de estoupido da violencia física (golpes, descontrol) e que culmina nunha fase de falso arrepen¬timento do agresor (“non volverá ocorrer”, “todo cambiará”...).

Este é o chamado CICLO DA VIOLENCIA, que se repite unha e outra vez e cada vez é máis violento e máis curto no tempo. diariamente traballa para a erradicación da violencia de xénero na nosa sociedade, súmase anualmente a estas xornadas con distintos actos e actividades, para os que conta coa participación e colaboración das asociacións de mulleres e outras organizacións e entidades cidadás, uníndose igualmente a todos aqueles actos organizados por estes colectivos, destinados á sensibilización da sociedade naroniana sobre a necesidade de articular todo tipo de medidas para contribuír á erradicación da violencia cara ás mulleres.

A violencia de xénero, en todas as súas manifestacións e ámbitos, atenta gravemente contra os DEREITOS HUMANOS DAS MULLERES. Ademais das lesións físicas (feridas de menor ou maior gravidade e ata a morte) que poden ocasionar as agresións físicas, tanto estas como as agresións sexuais e psico¬lóxicas, máis aínda cando se sofren de forma reiterada, ocasionan na vítima graves danos psicolóxicos: perda de autoestima, depresión, ansiedade... e tamén enfermidades: dores crónicas de cabeza, costas, desordes do sono, trastornos gastrointestinais...

Recursos para as mulleres vítimas da Violencia de Xénero

1. Municipais

O I Plan de igualdade para as mulleres concreta as liñas de actuación do Concello de Narón para dar resposta ás mulleres que sofren violencia de xénero. Unha das áreas de intervención é a de "Violencia contra as mulleres" con medidas de apoio económico, formación, emprego e conciliación da vida persoal e laboral entre outras.

2. Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero: Lei Orgánica 1/2004. 

A muller maltratada ten unha serie de dereitos que están recollidos na Lei Orgánica 1/2004, de 28 decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero:

Dereito á información

Tes dereito a recibir toda a información tanto no momento de presentar unha denuncia como posteriormente cando se te notifique a resolución de adopción de medidas de protección.

Dereito á asistencia social integral que abarca os seguintes aspectos:

  • Información
  • Atención psicolóxica 
  • Apoio social
  • Seguimento das reclamacións dos dereitos da muller 
  • Apoio educativo 
  • Formación preventiva nos valores de igualdade 
  • Apoio á formación e inserción laboral.

Dereito a asistencia xurídica gratuíta

Se tes insuficientes recursos, tes dereito á defensa e representación gratuítas por avogado ou avogada e procurador ou procuradora en todos os procesos e procedementos administrativos que teñan causa directa ou indirecta na violencia padecida.

Dereitos laborais

Tes dereito, nos termos previstos no Estatuto dos Traballadores, á:

  • Redución de xornada e reordenación do tempo de traballo: Tes dereito a unha redución da xornada, horario flexible ou adaptación ao horario, nos termos do Convenio Colectivo, ou de acordo coa empresa.
  • Mobilidade xeográfica. Se tes que abandonar o posto de traballo na localidade onde traballas, para facer efectiva a túa protección ou o teu dereito á asistencia social integral, tes dereito a ocupar outro posto de traballo, do mesmo grupo profesional ou categoría que a empresa teña vacante en calquera outro dos seus centros de traballo.
  • En relación coa suspensión e a extinción do contrato de traballo, tes dereito:

- A que se consideren “xustificadas” as ausencias ou faltas de puntualidade, motivadas pola túa situación física ou psicolóxica.

- Á suspensión do contrato por 6 meses (renovable), con dereito a desemprego e á cotización do período. A non ser despedida polo uso destas medidas.

- A extinción do contrato, coa protección do desemprego.

- Traballadoras por conta propia. Se te atopas neste caso e te ves na necesidade de cesar na túa actividade para facer efectiva a túa protección ou o teu dereito a asistencia social integral suspenderáseche a obriga de cotizar durante un período de 6 meses, que serán considerados como de cotización efectiva a efectos das prestacións da Seguridade Social. Así mesmo, a túa situación será considerada como asimilada ao alta.

Dereitos relativos á protección da Seguridade Social

Nos termos previstos na Lei xeral da seguridade social, a suspensión e a extinción do contrato de traballo previstas no apartado anterior, darán lugar á situación de desemprego. O tempo de suspensión considerarase como período de cotización efectiva a efectos das prestacións de Seguridade Social e de desemprego.

Dereitos económicos

  • Tes dereito a recibir unha axuda de pago único se careces de renda superior, en cómputo mensual, ao 75% do salario mínimo interprofesional e sempre que se presuma que polas túas circunstancias persoais terás dificultades para obter un emprego. Esta axuda será o equivalente a ao de seis meses de subsidio por desemprego pero a contía poderá ser superior se tes algunha discapacidade ou se tes responsabilidades familiares. Estas axudas son compatibles coas previstas na Lei de axudas e asistencia ás vítimas de delitos violentos e contra a liberdade sexual.
  • Acceso á vivenda e residencias públicas para maiores. Polas túas circunstancias, estarás dentro dos colectivos prioritarios no acceso á vivenda protexida e residencias públicas para maiores.

Incentivos e fomento para o emprego das vítimas de violencia de xénero

Isto levarase a cabo a partir de políticas formativas e bonificacións a empresas que contraten a vítimas de violencia, así como programas de acción específico de emprego para favorecer a actividade por conta propia cando sexan demandantes de emprego.


3. Xunta de Galicia:

"Salario da liberdade"

Chámase así á prestación que dende marzo de 2006 as mulleres galegas vítimas de malos tratos poden acceder dependendo de se os seus ingresos son maiores ou máis baixos que o Salario Mínimo Interprofesional. A finalidade do salario da liberdade é proporcionar apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero para lles garantir unhas condicións suficientes de seguridade económica respecto do agresor que lles posibiliten dar o primeiro paso para romper con esa situación. A prestación consiste nunha axuda económica de ata 600 euros mensuais e por un período máximo de 12 mensualidades.

Apoio no aluguer ou merca dunha vivenda:

As mulleres que acrediten ser vítimas da violencia de xénero mediante orde de protección xudicial, dos Servizos Sociais correspondentes ou do centro de acollida, resolución xudicial ou informe do Ministerio Fiscal, e non teñan ingresos ponderados superiores a 2,5 IPREM, poderán recibir da Consellería de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia, unha subvención que oscilará entre o 60% e o 80% da renda de aluguer, segundo os tramos de ingresos.

Terán tamén dereito a unha axuda de 2.000 euros para a adquisición dunha vivenda, que poderá sumarse a outras ás que tivera dereito en función da situación familiar e laboral e do nivel de renda. As mulleres que sofren violencia de xénero teñen prioridade na adxudicación das vivendas do programa da Consellería de vivenda e solo da Xunta de Galicia de vivenda en aluguer.

Preguntas frecuentes

 1.- Como demostro ser vítima de malos tratos psicolóxicos?
Os malos tratos psicolóxicos demóstranse a través da proba pericial psicolóxica que realiza o equipo forense do xulgado. A fiscalía e a unidade encargada da defensa da vítima adoitan pedir esta proba

2.- En que consiste a orde de protección?
A orde de protección consiste nunha medida que outorga a xudicatura, pola cal o agresor non se pode achegar á vítima nin ao seu domicilio ou lugar de traballo nin comunicarse con ela por teléfono ou por carta. O seu cumprimento vixíao a policía e a distancia do afastamento ou o tempo tamén o decide o xuíz ou a xuíza responsable da instrución do caso.

3.- Como se solicita a orde de protección?
A orde solicítase na policía ou no xulgado e nestes lugares existen persoas formadas en violencia contra as mulleres que axudan a encher o formulario.

4.- Onde podo solicitar asesoramento legal?
Pódese solicitar no Xulgado de Instrución nº2 (de violencia de xénero)  situado na rúa de Coruña 55 en Ferrol. Teléfono 981337389

5.- Os meus fillos e fillas son maiores de idade, correspóndelles unha pensión alimenticia?
Os fillos e fillas que non teñan recursos, vivan no fogar familiar e teñan menos de 25 anos teñen dereito a unha pensión por parte do ou da proxenitora que non forme parte da unidade de convivencia.

6.- Podo conseguir o divorcio sen separarme previamente?
Neste momento, pódese solicitar o divorcio sen previa separación e non fai falta expor as causas da petición.

7.- Cales son os requisitos para percibir a pensión compensatoria?
A pensión compensatoria percíbese cando a separación ou o divorcio empobrecen ás e os posibles perceptores. Por exemplo, cando non se traballa ou non se traballou durante o matrimonio ou cando a outra persoa ten uns ingresos moito máis elevados que quen percibe a pensión. A súa contía depende dos anos de matrimonio, da formación laboral, do dereito a percibir algunha prestación doutro tipo, etc. Adoita ter carácter temporal a non ser que a persoa perceptora sexa moi maior.

8.- Que é a custodia compartida?
A custodia compartida significa que o fillo ou a filla menor de idade convive alternativamente co seu pai e coa súa nai durante o mesmo ou parecido tempo.
Esta convivencia pode ser porque a menor ou o menor vai vivir á casa do pai ou da nai ou porque proxenitora e proxenitor van vivir á casa da descendencia nos períodos nos que conviven alternativamente co seu fillo ou filla. Esta custodia compartida fíxase soamente de mutuo acordo e é moi raro que a impoña a instancia xudicial nun procedemento contencioso.

9.- Que custo económico ten un proceso de separación?
Un proceso de separación é gratuíto nas condicións que establece o Colexio da Avogacía no seu servizo de Xustiza Gratuíta. Se non é así, avogadas e avogados teñen uns honorarios mínimos, pero non máximos, polos que é conveniente que se pregunte o prezo antes.

10.- Que é a xustiza gratuíta?

A xustiza gratuíta supón o dereito a dispor de avogado ou avogada e procurador ou procuradora de oficio cando se cumpren determinados requisitos como o que os ingresos da solicitante non superen o dobre do salario mínimo interprofesional vixente no momento de efectuar a solicitude. Este dereito esténdese tanto ao asesoramento inicial como aos procesos xudiciais posteriores.

Máis información

- Teléfono da muller (atención 24 horas): 900.400.273 O Teléfono das Mulleres é un servizo de emerxencias gratuíto e anónimo. Funciona as 24 horas do día e ten cobertura para toda a Comunidade Autónoma.
- Servizo Sociocomunitario Municipal: 981337700 ext.1108
- Garda civil: 062
- Policía nacional: 091

- Policía local: 092

- Emerxencias: 112
- CIM Ferrol- Casa Acollida:981-944230
- COF Ferrol:981.336636
- CIAM(Centro de Información e asesoramento para Mulleres): 981-282024
- Servicio de Atención a Mulleres dos corpos policiais da provincia de A Coruña:
- SAF: 981-166300
- Servizo de Violencia familiar e menores: 981-153410
- EMUME: 981167800