Últimas prazas para as xornadas sobre "Introducir a perspectiva de xénero na Participación Cidadá"

Publicado o 21 de Outubro de 2020

O prazo de inscrición permanecerá aberto só ata as 20.00 horas de mañá, xoves 22 de outubro

 

 

O Concello de Narón continuará desenvolvendo esta semana as xornadas sobre “Introducir a perspectiva de xénero na Participación Cidadá”, iniciadas o pasado día 15 e organizadas a través da Escola de Participación Cidadá de Narón. Trátase dunha convocatoria de balde que require inscrición previa a través do correo escolaparticipacion@naron.es, ou do enlace: https://cutt.ly/xf4za8b ata mañá ás 20.00 horas para anotarse na segunda proposta, que terá lugar este mesmo xoves, día 22.

A concelleira de Participación Cidadá, Catalina García, recordou que o vindeiro xoves abordarase o tema: “Como introducir a perspectiva de xénero nos procesos participativos”. Sobre o mesmo falarán entre as 17.00 e as 19.00 horas Mireia Espiau, xefa do servizo de Igualdade do Concello de Gasteiz e docente na UPV, e Natalia Paleo, docente na USC e investigadora en políticas públicas con perspectiva de xénero.

As xornadas celébranse vía telemática debido á actual situación sanitaria, polo que as persoas inscritas poderán participar a través da plataforma Zoom, compartíndose posteriormente as sesións na canle de YouTube da Escola de Participación para que os contidos poidan chegar a máis público.

Para obter máis información pódese escribir ao correo da Escola de Participación de Narón ou chamar ao número de teléfono 603 865 413.