Programa de apoio para que as mulleres monten empresas en sectores emerxentes

Publicado o 30 de Marzo de 2011

As Cámaras de Comercio xunto coa Secretaría de Estado de Igualdade puxeron en marcha a iniciativa "Muller e Sectores Emerxentes"

Dentro do proxecto "Fomento do Autoemprego Feminino en Sectores Económicos Emerxentes". Apoiará a creación, consolidación e mellora de empresas lideradas por mulleres en sectores económicos emerxentes, nos que se están detectando oportunidades de negocio.

O programa está dirixido a mulleres emprendedoras e empresarias e a promotores sociais e o seu obxectivo é combater a segregación ocupacional que existe actualmente en torno ao xénero, fomentando a participación da muller nos sectores emerxentes da actividade económica que rexistran crecementos superiores á media e xeran emprego.

A aposta pola potenciación dos diferentes sectores depende de cada Comunidade Autónoma. Así, considérase como sector emerxente en Aragón a industria agroalimentaria e as enerxías renovables; o sector do TIC no Principado de Asturias, o sector farmacéutico, químico e máquinas para xeración de enerxía en Cataluña ó o turismo especializado termal, náutico, rural e monumental en Galicia.

Para detectar novas oportunidades de negocio para as mulleres emprendedoras, as Cámaras de Comercio e a Secretaría de Estado de Igualdade elaborarán, nunha primeira fase, un estudo, para analizar e detectar os sectores emerxentes en España, a súa comparativa coa situación na Unión Europea e as políticas que se aplican nas distintas contornas para incentivar, promover e dinamizar o seu apoio.

Entre as ferramentas e actividades que comprenden este Proxecto inclúense información e formación práctica ás emprendedoras sobre os diferentes sectores emerxentes, así como o desenvolvemento dunha plataforma web, que actuará como lugar de referencia para obter información e ademais será un espazo virtual de encontro, con obxecto de fomentar, incentivar e dinamizar a creación de empresas por parte das mulleres en sectores emerxentes

Ademais, impartiranse 12 talleres de formación nas Cámaras de Comercio, dirixidos a mulleres e a promotores sociais, que versarán sobre sectores emerxentes e terán un contido principalmente práctico.