Os alumnos do IES Terra de Trasancos conseguen o premio Vicente Ferrer

Publicado o 13 de Xullo de 2010

O proxecto “Emprendedores solidarios” tiña coma obxectivos facilitar o coñecemento da realidade das comunidades rurais e orixinarias de América Latina, analizando a situación económica, social e cultural dos inmigrantes e outros colectivos en risco de exclusión e pobreza que viven no territorio español

A Concelleira de Ensino de Narón, Mª del Carmen Espada, ven de felicitar ó Instituto de Educación Secundaria (IES) Terra de Trasancos (Narón) por gañar o Premio Nacional Vicente Ferrer de Educación ao Desenvolvemento, na modalidade de Formación Profesional (FP), xunto co IES Julio Verne (Madrid).

O instituto naronés logrou esta distinción co seu proxecto “Emprendedores solidarios” desenvolvido durante o curso 2009-2010 no IES Terra de Trasancos, baixo a coordinación dos profesores Manuel Rivera Iglesias –na parte do proxecto empresarial e economía solidaria- e Alfredo Fernández Martínez –na parte informática e de novas tecnoloxías-.

A edila de Ensino de Narón valorou de xeito moi positivo o galardón acadado polo IES de As Telleiras, e animou ao centro educativo a continuar nesta liña, agradecéndolle levar o nome de Narón por todo o país grazas a esta distinción.

O proxecto “Emprendedores solidarios” tiña coma obxectivos facilitar o coñecemento da realidade das comunidades rurais e orixinarias de América Latina, analizando a situación económica, social e cultural dos inmigrantes e outros colectivos en risco de exclusión e pobreza que viven no territorio español. Tamén implicouse ós participantes (alumnos/as de FP) na mellora da sociedade dende o entorno local ata chegar ó global, e na creación dunha cooperativa intercultural sen ánimo de lucro concebida coma un espazo para a convivencia e o desenvolvemento de actividades, sustituíndo a aportación de capital financieiro por aportación de traballo voluntario.

Para lograr estos obxectivos, o IES Terra de Trasancos desenvolveu un conxunto de actividades relacionadas co cooperativismo, o comercio xusto, a integración socio-laboral, o desenvolvemento rural e as comunidades. Neste traballo contou co apoio do Concello de Narón, e tamén coa colaboración técnica da Asociación de Economía Social “Briante” e o Grupo de desenvolvemento rural Euroeume, ademáis da dirección e do profesorado do Instituto.