O Punto Violeta ubicarase esta fin de semana na zona da festa de San Xosé Obreiro

Publicado o 28 de Abril de 2022

A celebración, esta fin de semana, das festas de San Xosé Obreiro, no Alto do Castiñeiro, levará ao Concello a ubicar nas inmediacións da zona o Punto Violeta itinerante de Narón, debido á concentración de xente que se rexistrará durante estes días. A concelleira de Igualdade, Mar Gómez, indicou que o Punto Violeta estará o venres 29 e o sábado 30 nas inmediacións da festa de San Xosé entre as 22.00 e as 02.00 horas.

Este espazo informativo, atendido por dúas persoas, habilitouse co fin de implicar á sociedade na loita contra a violencia machista e, ao mesmo tempo, ofrecer asesoramento e información en materia de prevención e atención.

Gómez avanzou que xa están tamén pechadas outras dúas datas para ubicar o Punto Violeta de Narón o día 28 de maio na rúa Cataluña, nas inmediacións do Centro Comercial Odeón, de 22.00 a 02.00 horas, e o 5 de xuño, de 09.00 a 13.00 horas estará na zona do Feirón de Santa Icía, na Solaina.

A concelleira naronesa valorou a colaboración entre administracións para levar a cabo “iniciativas tan necesarias como esta, coa que ofrecer servizos integrais ás vítimas de violencia de xénero, ás súas familias, e á sociedade en xeral para saber actuar ante unha situación deste tipo”. Gómez recordou que o Punto Violeta de Narón se puxo en marcha a través dunha subvención concedida polo Ministerio de Igualdad (Pacto de Estado contra la violencia de género).