O prazo de inscrición na "I Carreira pola Igualdade Concello de Narón" remata mañá

Publicado o 02 de Marzo de 2022
"I Carreira pola Igualdade Concello de Narón"

O vindeiro domingo, día 6, celebrarase a primeira edición da “Carreira pola Igualdade Concello de Narón”.

 

 

Esta é unha iniciativa impulsada polo Consistorio con motivo dos actos do Día Internacional da Muller, que se conmemora cada 8 de marzo. Algo máis de 370 persoas están inscritas no evento, que pechará mañá o prazo para poder anotarse, tal e como recordou o edil de Deportes, José Oreona. As persoas interesadas en participar poden anotarse hoxe ou mañá a través da web:  www.carreirasgalegas.com, donde se pode atopar tamén toda a información deste evento deportivo.

A carreira terá a saída e a meta no pavillón polideportivo da Gándara e nas categorías absolutas realizarase un percorrido de cinco quilómetros aproximadamente que discorrerá polo termo municipal. Así mesmo, tamén se habilitaron tramos para as categorías de prebenxamín -100 metros-; benxamín -500 metros-; alevín sub-12 -1.500 metros-; infantil sub-14 -1.500 metros-; cadete e xuvenil -2.000 metros-. As saídas están programadas dende as 10.00 horas, en función da categoría. Nesta carreira poden participar tamén persoas nas categorías de cadeira de rodas, handbike, invidentes e discapacitados intelectuais, todas elas non oficiais da Federación Galega de Atletismo.

Ao remate da carreira entregaranse premios ás tres primeiras mulleres e homes que cheguen á meta na categoría absoluta e nas categorías non oficiais tamén se premiarán aos tres primeiros homes e mulleres. A participante feminina de maior idade que remate a proba recibirá un premio e nas categorías de menores entregaranse medallas a todas as persoas participantes.

O Concello habilitará tamén neste evento o Punto Violeta de Narón, que de 10.00 a 14.00 horas poderase visitar nas inmediacións do pavillón polideportivo da Gándara. Ofrecerase información e asesoramento en materia de prevención da violencia de xénero a todas as persoas que se acheguen ao Punto Violeta, que estará atendido por dúas persoas.