O Pazo acollerá en febreiro o ciclo de cine “Elas” impulsado polo Concello e o Cineclube Serie B

Publicado o 31 de Xaneiro de 2023

A concelleira de Cultura, Olga Ameneiro, e o presidente do Cine club Serie B, Alberto Pena, presentaron esta mañá no Concello un novo ciclo de cine, “Elas”, sobre novas directoras do cinema español.
 

Ameneiro avanzou que a iniciativa inclúe a proxección de catro películas o vindeiro mes de febreiro no Pazo da Cultura, con entrada de balde e fixadas en todos os casos para as 20.00 horas.


A primeira das citas será o mércores día 1, cando se poderá ver “Cinco lobitos”, da vizcaína Alauda Ruiz de Azúa. Con once nominacións aos Goya, incluída a de mellor película, mellor dirección novel e mellor guión orixinal. Conta a historia dunha muller que despois de ser nai e ausentarse a súa parella por motivos laborais decide regresar ao pobo dos seus pais para compartir as tarefas e a responsabilidade de coidar ao seu fillo. A película obtivo este ano o premio á mellor película europea na “XV Gala dos Premios Gaudí” da Academia do cine catalán.


O mércores 8 será o turno de Carla Simón, directora de “Alcarrás”, tamén con once nominacións aos Goya –mellor película, dirección e guión orixinal- e gañadora do Oso de Ouro de Berlín o pasado ano. O filme é unha homenaxe a unha familia de tres xeracións que se adica ao cultivo de melocotóns en Alcarrás e que afronta a última colleita con sentimentos enfrontados sobre o futuro do seu traballo.


“Libertad” é o título do filme que se proxectará o 15 de febreiro, de Clara Roquet. Neste caso, tivo seis nominacións aos Goya e gañou a mellor dirección novel e mellor actriz de reparto. É unha película que aborda a temática da adolescencia baseada na visión da mesma nos veráns que a directora pasaba na Costa Brava.


O ciclo rematará o día 22 con “Las niñas”, de Pilar Palomero. A película obtivo nove nominacións aos Goya e gañou á mellor película, mellor guión orixinal e mellor dirección novel. Unha nena de 11 anos que estuda nun colexio de monxas de Zaragoza e vive con súa nai, viúva, é a protagonista desta historia, que terá unha nova etapa coa chegada dunha nova compañeira da menor coa que vivirá a etapa da adolescencia.


Aberto Pena asegurou que prepararon este novo ciclo “con moita ilusión tras ter que aprazalo debido á pandemia” e destacou o feito de que dúas das películas estivesen nominadas este ano aos premios Goya e as outras dúas foron premiadas en anteriores anos. “Son filmes distintos, que recomendamos a todo o mundo, feitos por mulleres e que esperamos que fagan desfrutar ao público”.


A Federación de Cineclubes de Galicia e a Xunta de Galicia colaboran tamén neste ciclo de cine, ao que dende o Concello e o Cineclube Serie B animaron a acudir á cidadanía.