O Concello retomará en setembro o Club de Lectura feminista, o Club de Lectura xeral e as Mesas de Conversa en Inglés

Publicado o 05 de Setembro de 2022

A concelleira de Bibliotecas, Mercedes Taibo, anunciou que a Biblioteca retomará en setembro tres actividades permanentes dirixidas a público adulto.

Así o indicou a edil naronesa, que informou que o vindeiro luns, día 5, abrirá o prazo para preinscribirse no Club de Lectura feminista e no Club de lectura xeral. Dende o 5 ao 10 de setembro poderán preinscribirse as persoas interesadas, no horario de apertura da Biblioteca de xeito presencial ou chamando ao teléfono 981 382 173. 

O Club de Lectura feminista retomará o carácter presencial nas dúas xuntanzas mensuais que se programan para “coñecer, reflexionar e compartir sobre diferentes temas e cuestións dende unha perspectiva feminista e a través da lectura de diferentes autoras”. Taibo avanzou que se ofertan un total de 12 prazas para esta actividade, cuxa data de celebración se informará previamente –será dous xoves ao mes de 18.00 a 19.30 horas-, así como das lecturas do primeiro trimestre. O xoves 15 haberá unha xornada de presentación para as persoas que obteñan praza na actividade, cuxas primeiras xuntanzas serán o 6 e o 20 de outubro, o 10 e o 24 de novembro e o 1 e o 15 de decembro.

Así mesmo, abrirán as preinscricións no Club de Lectura xeral, que se reunirá cada martes de 19.00 a 20.30 horas para comentar lecturas comúns. Haberá tamén 12 prazas e as persoas que as obteñan poderán levar en préstamo a primeira lectura do trimestre, que estará dispoñible na Biblioteca o luns 12 de setembro. As xuntanzas dese primeiro trimestre serán, tal e como avanzou Taibo, os martes 25 de outubro, 22 de novembro e 13 de decembro.

Finalmente, tamén se retomarán as Mesas de conversa en inglés, todos os luns en dúas sesións, de 17.15 a 18.15 e dende as 18.15 ata as 19.15 horas. A participación nestas sesións, encamiñadas a mellorar o nivel de expresión oral en inglés, é de balde. Tan só será preciso anotarse previamente para cada luns o mércores anterior ás 9.30 horas, de xeito presencial ou telefónico. Para as primeiras sesións deste trimestre, que terán lugar o luns 3 de outubro, abrirase o prazo de inscrición o mércores 28 de setembro ás 9.30 horas.

A concelleira naronesa recordou que a Biblioteca municipal continúa co horario de verán ata o 7 de setembro, se ben indicou que a partir do 8 de setembro retomará o de inverno, permanecendo aberta de luns a venres entre as 9.30 e as 13.30 e de 16.00 a 21.00 e os sábados de 10.00 a 13.00.