O Concello presentou no Pazo da Cultura o “Plan de Igualdade Coeducativo” de Narón

Publicado o 30 de Novembro de 2020

O Plan contempla seis eixos: centros educativos, linguaxe inclusiva, LGTBIQ+...

 

 

As concelleiras de Ensino e Igualdade, Mercedes Taibo e Mar Gómez, respectivamente, presentaron o pasado venres no Café Teatro do Pazo da Cultura o “Plan de Igualdade Coeducativo do Concello de Narón” xunto con persoal que traballou no documento. Directoras e directores de centros de ensino da cidade acudiron á convocatoria, na que se explicou polo miúdo o documento, desenvolvido por persoal do Servizo Sociocomunitario municipal e no que participaron os centros de ensino da cidade. Inicialmente Taibo e Gómez agradeceron a asistencia ao acto de tódolos presentes e tamén o labor desenvolvido polo persoal que traballou neste documento.

“Gustaríanos poder convidar ás Anpas, alumnado, representantes dos Consellos Escolares, pero dada a situación sanitaria non é recomendable”, explicou Taibo. A edil indicou que o Plan presentado hoxe “pretende ser un documento de traballo no que se establecen actuacións dirixidas a mellorar as situacións de desigualdade no ámbito escolar, encamiñadas a lograr a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes”.

Así mesmo, recalcou que a necesidade dun Plan de igualdade nos centros escolares “xustifícase porque a pesar dos progresos neste ámbito faise necesario continuar traballando neste sentido porque queda moito camiño por percorrer”.

No transcurso da xuntanza explicouse a estructura e os eixos do Plan de Igualdade Coeducativo, podendo as directoras e directores formular as cuestións que consideraron oportunas. A imaxe do Plan representa a diversidade e a igualdade e para a recollida de datos utilizáronse enquisas en liña e tamén se fixeron grupos de debate. Deses datos obtivéronse unha serie de conclusións que permitirán levar a cabo medidas e accións para desenvolver a través do Plan de igualdade intercentros de ensino do Concello de Narón. En total contémplanse seis eixos: centros educativos, linguaxe inclusiva, familia, LGTBIQ+, Bibliotecas e Patios e comedores educativos, establecéndose para cada un deles uns obxectivos específicos a acadar durante a vixencia do plan, ata o ano 2023.

O Plan remata cun glosario e uns modelos de fichas que poderán cumplimentar nos centros e cunha recompilación do material didáctico e de consulta editado polo Concello de Narón.

A convocatoria enmárcase no programa de actos deseñado polo Concello para conmemorar o 25N, Día Internacional contra a violencia de xénero.