O Concello impulsa a campaña “Eu Sumo” a través do programa “Un mundo cheo de diversidade”

Publicado o 14 de Xullo de 2021

A campaña de sensibilización desenvolverase nas redes sociais e nos medios de comunicación

 

 

A concelleira de Benestar Social, Catalina García, presentou esta mañá a campaña “Eu Sumo”, que se desenvolverá este ano no marco do programa “Un mundo cheo de diversidade”. A edil naronesa avanzou que se trata dunha proposta “de sensibilización en redes sociais e nos medios de comunicación na que daremos a coñecer historias diversas de usuarias e usuarios das entidades participantes”. García explicou que o nome desta campaña responde a que “a diversidade sempre suma”.

Dende o Concello, tal e como recordou a edil, contactouse co tecido asociativo da cidade para ofrecerlle a posibilidade de participar nesta actividade. Finalmente, indicou, sumáronse a Asociación Sociocultural ASCM, a Asociación de Persoas Xordas de Ferrol, a Confederación Galega de Minusválidos (Cogami), a Asociación Nuestra Señora de Chamorro, a Asociación Síndrome de Down “Teima”, a Asociación de Fibromialxia e Fatiga Crónica do Noroeste (Affinor), A Asociación de Loita contra as Enfermidades do Ril (Alcer), a Asociación Movilidad Humana, a Asociación de Pais de Nenos con Problemas Psicosociais (Aspaneps) e a Asociación de Pais de Persoas con Trastorno do Espectro Autista (Aspanaes). “Quero agradecerlles a todas elas unha vez máis a súa boa disposición e implicación para participar nesta campaña, e a todas as que non puideron facelo este ano, agradecerlles tamén o seu labor na sociedade e animalas a que desfruten do traballo realizado en “Eu Sumo”.

Os vídeos protagonizados por usuarias e usuarios das entidades participantes poderanse ver os días 23 e 30 de xullo; 6 e 13 de agosto; 3 e 10 de setembro e 1 de outubro. “As emisións son os venres ás 19.00 horas e os mércores previos poderase ver unha pílula a modo de avance, sendo o primeiro deses avances cun resumo da primeira historia o vindeiro 21 de xullo”, avanzou García. A concelleira animou á cidadanía a darlles difusión, a través dos cancelos da campaña: #eusumo#naronsuma e indicou que se poderán ver en Instagram –eu_sumo-, en Tick Tok –Eu_sumo-, en YouTube –Eu Sumo- e no Facebook –Concello de Narón-.