O Concello homenaxeará mañá á Muller do Ano con motivo dos actos do Día Internacional da Muller

Publicado o 07 de Marzo de 2022

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presidirá mañá os actos oficiais programados polo Concello para conmemorar o Día Internacional da Muller.

Ás 12.00 horas terá lugar no Consistorio o nomeamento da Muller do Ano de Narón, na que se distinguirá a unha muller cuxo nome se dará a coñecer no propio acto. Representantes da corporación local, entre eles a edil de Igualdade, Mar Gómez, acudirán á convocatoria e tamén se desprazarán a continuación –sobre as 12.30 horas- á Praza da Gándara para ver a exposición “Mulleres de Narón”, que se poderá ver ao longo deste mes noutros puntos da cidade.

Cartel coa programación do 8M 2022 en Naron

Os actos de mañá tamén contemplan unha proposta na Praza da Igualdade, a escasos metros da da Gándara, donde a comitiva municipal verá o resultado do mural “Narón x Igual”, que realizaron escolares de sexto de Primaria do CPR Santiago Apóstol. X apola tarde-noite iluminaranse de cor malva a Casa da Cultura, o Pazo da Cultura, a glorieta de Freixeiro e o edificio do Xulgado de Paz.

A maiores, o Concello programou propostas noutras instalacións municipais. Na Biblioteca municipal pódese ver ata o día 16 deste mes a mostra “A muller no século XXI”, que contén varios libros e materiais que abordan a situación da muller neste século. Así mesmo, o sábado terá lugar o contacontos infantil “Contos vellos, novos finais” –a cargo de Caxoto Contacontos- ás 11.00 horas, que versiona o argumento e os finais de contos clásicos e tradicionais para adaptalos ao xeito actual de pensar e vivir e do 17 ao 24 deste mes poderase ver na planta baixa da sección de adultos/as a exposición de películas de temática feminista “Sesión M: Cine con M de Muller”.

Dende hoxe e ata o vindeiro venres, día 11 na Ludoteca municipal da Solaina haberá obradoiros, contacontos, xogos educativos e unha sesión de ludo-cinema dirixidos a menores de 3 a 12 anos, que traballarán a temática da igualdade, o respecto e a liberdade. Esa mesma temática centrará os xogos de mesa pola igualdade, “Iguais” e “O misterio dos xogos invisibles” cos que traballarán na Axencia de Lectura Municipal da Gándara, con menores a partir de 4 anos –este mércores de 17.30 a 18.30- e a partir de 7 anos –e o xoves 10 tamén de 17.30 a 18.30 horas-. 

No Pazo da Cultura, este venres poderase ver o monólogo “Música para fiambrería-Un policial verde” -20.30 horas-, de Lucía Trentiny (Uruguay) e tamén se programaron, enmarcados na área de Igualdade, os monólogos “La ciudad de las damas”, o día 19 -20.00 horas-; o 25, “Guerra de identidade” -20.30- e o 26 deste mes -20.00- “Bravas”.

As actividades do 8M chegan un ano máis aos centros de ensino, concretamente nesta ocasión a alumnado de cuarto de Primaria de oito colexios da cidade, que participa nos obradoiros “8M Avanzando en igualdade”. A finalidade desta convocatorias é a de dar a coñecer a historia e os fitos en torno a esa data, educar na igualdade e visibilizar o papel das mulleres ao longo da historia.