O Concello estudia o proxecto Crowdfunding

Publicado o 04 de Febreiro de 2013

O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e a Concelleira de Participación Cidadá, Catalina García, recibiron o pasado 29 de xaneiro no Concello á presidenta da Asociación de Emprendedoras da Comarca de Ferrolterra (AECOFE)

O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e a Concelleira de Participación Cidadá, Catalina García, recibiron o pasado 29 de xaneiro no Concello á presidenta da Asociación de Emprendedoras da Comarca de Ferrolterra (AECOFE), Ana Armada, quen lles presentou o proxecto "Crowdfunding".

Trátase dunha iniciativa novedosa e pioneira na bisbarra, que se estudiará por parte do Concello para ver as posibilidades de financiamento que ten esta idea, e que foi calificada polos responsables municipais como "importante e interesante".

"Crowdfunding" é un proxecto que busca coñecer o interese que xenera un produto ou servizo antes de sacalo ó mercado, co fin de valorar a súa viabilidade e a do proxecto que se promove. Unha das características principais deste proxecto é o seu sistema de financiamento, a través de donacións de particulares que se convertirían en inversores do mesmo.

Os/as cidadáns/as poderían propoñer iniciativas e proxectos nun espazo web, no que os/as internautas poderían votar as propostas –tal e como se fai nas redes sociais- e posteriormente os/as encargados/as do Crowdfunding as estudiarían e executarían. Trátase dun "proxecto pioneiro en España e en Galicia", segundo indicou Ana Armada.