O Concello conmemorará o Día Internacional contra a violencia de xénero

Publicado o 19 de Novembro de 2020

Varias actividades e propostas concienciadoras ocuparán as xornadas do 24 e o 25 de novembro

 

 

A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou esta mañá o programa de actos do Día Internacional contra a violencia de xénero acompañada polos edís de Igualdade, Mar Gómez, Seguridade Cidadá, Román Romero e Benestar Social, Catalina García. Ferreiro indicou que as propostas deseñadas de cara ao 25N están adaptadas á actual situación sanitaria e encamiñadas a sensibilizar á cidadanía sobre a necesidade de erradicar esta lacra social.

A rexedora local anunciou que dende onte ata o luns 30 de novembro pódese ver na Biblioteca municipal unha mostra de publicacións que, baixo o título “A violencia contra as mulleres e as nenas”reunirá máis de medio cento de exemplares das seccións infantil, xuvenil e de adultos/as sobre a temática da violencia machista. Trátase de obras divulgativas, ensaios e literarias a través das que se pretende visibilizar e, ao tempo, combater este gran problema social.

Na xornada do día 24 de novembro presentarase publicamente ás 10.00 horas o vídeo “Narón en negro contra a violencia de xénero”, realizado en colaboración coas entidades do Consello Sectorial de Igualdade e no que participan os representantes do goberno local naronés.

O propio 25N terá lugar unha proposta adaptada específicamente aos tempos actuais. “Como non é posible celebrar a tradicional Marcha Ciclista pola Igualdade, este ano as rapazas e rapaces de Narón pedalearán nas aulas, nunha bicicleta estática que se instalará en cada colexio e na que a partir das 10.30 horas, a través do equipo de Educación Viaria, irán realizando un circuíto virtual que discurre polos colexios de Narón, rematando xunto ao Monumento á Muller, na Praza da Gándara”. O alumnado –de quinto e sexto de educación Primaria- será seleccionado polos propios centros e participará tamén no xogo feminista Quen é quen?, realizando diferentes probas relacionadas coa Igualdade. Finalmente, pola súa participación, recibirán como agasallo unha máscara infantil conmemorativa do 25N, se ben tamén se entregarán máscaras de adultos á monitoraxe das escolas deportivas e culturais municipais, persoal da Biblioteca, do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, entre outros. Esta iniciativa forma parte dunha campaña municipal de sensibilización social na que se implicará á cidadanía nunha resposta colectiva de rexeitamento á violencia de xénero e aos asasinatos machistas.

O acto institucional do Concello terá lugar tamén mércores 25, ás 12.00 horas, cando se celebrará unha ofrenda floral diante do Monumento á Muller que presidirá a alcaldesa e no que participarán representantes da corporación local.

Finalmente, presentarase ante a Comunidade Educativa o “I Plan de Igualdade Intercentros de Ensino do Concello de Narón”, un documento que se dará a coñecer o vindeiro día 27 de novembro no Café Teatro do Pazo da Cultura nun acto ao que, ademais de persoal do Concello, acudirá o director ou directora de cada centro de ensino da cidade.

“Un ano máis, tratamos de conmemorar esta data chegando á maior parte da cidadanía posible a través de diferentes iniciativas encamiñadas a sensibilizar á poboación sobre a importancia de erradicar esta lacra social que, cada ano, cóbrase a vida de tantas vítimas inocentes”, asegurou a alcaldesa.