O Concello acolleu esta mañá a celebración do Consello Sectorial de Igualdade

Publicado o 20 de Setembro de 2022

A concelleira de Igualdade, Mar Gómez, presidiu esta mañá no Concello a celebración do Consello Sectorial de Igualdade, do que a edil de Benestar Social, Catalina García, é vicepresidenta. 

Á convocatoria, que deu comezo ás 10.00 horas, asistiron outros representantes da corporación local e tamén das entidades: Asociación Sociocultural ASCM, Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra (AXF), Patronato Concepción Arenal, Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (Acadar), Asociación de Fibromialxia e Fatiga Crónica do Noroeste (Affinor) e Síndrome de Down Teima.

Gómez agradeceu a presenza dos representantes das diferentes entidades a esta convocatoria para dar paso a continuación ao primeiro punto da orde do día, a aprobación da acta da sesión anterior. No segundo punto, abordáronse as propostas para a conmemoración na cidade do 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero. A concelleira de Igualdade avanzou as liñas do plantexamento do goberno local para esa data –cun programa aínda aberto a posibles cambios- e animou ás diferentes asociacións a que plantexen as propostas que consideren oportunas, co fin de analizalas no Consello Sectorial de Igualdade e ver a viabilidade da súa materialización.

Así mesmo, dende o goberno local incidiuse na importancia de que se formulen ao Concello a través dos e das representantes do Consello Sectorial as diferentes iniciativas que en materia de igualdade consideren oportuno para materializar ao longo do ano.