O Concello abrirá mañá o prazo de inscrición en catro obradoiros dirixidos a mulleres

Publicado o 14 de Setembro de 2022

O Concello programou a través da área de Igualdade, dirixida pola edil Mar Gómez, catro obradoiros dirixidos a mulleres para os que se abrirá mañá o prazo de inscrición. A edil naronesa indicou que se trata das propostas “Valórate”, “Volve a clase”, “Apodérate” e “Competencias para o emprego”.

A primeira das propostas, “Valórate”, ten entre os seus obxectivos mellorar o benestar psicosocial das mulleres e ofrecerlles novas habilidades para mellorar a súa autoestima. “Está pensado para mulleres de máis de 50 anos con doenzas psicosomáticas, depresión, ansiedade…, ás que queremos facilitar un espazo onde poder socializar entre elas, compartir vivencias, desconectar da súa rutina diaria e acadar unha visión máis positiva sobre si mesmas, entre outras finalidades”, apuntou Gómez. As datas de celebración deste obradoiro serán de outubro a decembro deste ano e desenvolveranse  nun centro cívico social ou centro comunitario. O número de prazas total é de 30, divididas en tres grupos cuxos horarios serán de mañá ou tarde en función da opción elixida. 

O obradoiro “Volve a clase” é para mulleres desempregadas de Narón de entre 18 e 65 anos. A alfabetización, a preparación das probas de Competencias clave –niveis 2 e 3- e de acceso a ciclos/ESA, así como ensinanza en español e galego para inmigrantes, están entre os contidos deste curso. As sesións serán de outubro deste ano a xuño do vindeiro na Casa da  Mocidade e na escola de San Mateo. En total ofértanse 36 prazas, con dous grupos de Competencias /ESA e un de alfabetización, con clases en horario de mañá ou de tarde en función da opción elixida. 

Así mesmo, tamén para mulleres desempregadas do Concello de Narón e de entre 18 e 65 anos está programado o obradoiro “Competencias para o emprego”, que se impartirá de outubro deste ano a xuño de 2023. Neste caso hai un total de 24 prazas, que se dividirán en dous grupos de 12 cada un con clases en horario alterno por semanas, de mañá, e impartirase no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara. Autocoñecemento, motivación e empoderamento, perfís laborais, técnicas de busca de emprego, autoemprego, novas tecnoloxías… están entre os contidos que se abordarán co alumnado. 

Finalmente, tamén se ofrece o obradoiro “Apodérate”, para mulleres en situación de especial vulnerabilidade persoal, social e laboral. A Casa da Mocidade, na Gándara, acollerá –en horario de mañá- esta iniciativa entre outubro deste ano e xuño de 2023, para a que se ofertan 12 prazas. Entre os contidos a abordar atópanse a adquisición de destrezas no eido persoal, sanitario, educativo e sociocomunitario e tamén no de tempo libre. 

As solicitudes para estes catro obradoiros poderán presentarse a partir de mañá, e ata esgotar prazas, a través da sede electrónica, no Rexistro municipal ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica do Concello de Narón. Para máis información pódese contactar co Servizo Sociocomunitario  Municipal –no primeiro andar do Concello- a través do teléfono 981 337 700  (Extensións 1108 e 1115).

Cartaz