O Auditorio acollerá a proxección do documental “El viaje de Carla” e un coloquio con Carla Antonelli

Publicado o 09 de Xuño de 2022

O Auditorio municipal acollerá a vindeira semana, o día 17, a proxección do documental “El viaje de Carla” e un coloquio posterior coa protagonista do mesmo, Carla Antonelli, recoñecida activista LGTBI.

As edís de Benestar Social, Catalina García; Igualdade, Mar Gómez e Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, presentaron a convocatoria xunto con Ana García e Pablo Zas, presidenta da asociación Alas Coruña e técnico do Observatorio coruñés contra a LGTBI fobia. A convocatoria, con acceso libre ata completar a capacidade do Auditorio, comezará ás 19.00 horas.

Dende o Concello agradeceron a participación de Alas Coruña “para loitar co fin de acadar a integración e igualdade plena na sociedade dos
diferentes colectivos LGTBI e a súa boa disposición para colaborar en actividades encamiñadas a ese fin. “Dende o goberno local continuaremos traballando coa entidade para dar máis visibilidade aos problemas cos que lamentablemente a día de hoxe aínda se atopa o colectivo LGTBI na sociedade, cun claro e preocupante retroceso no que respecta á súa integración plena”.

Dende Alas Coruña a súa presidenta explicou que na cita do día 17 proxectarase o documental, que realiza un repaso pola vida de Carla, transexual que rompeu certas barreiras e teitos de cristal, actriz e exdiputada en Madrid, para posteriormente abrir un coloquio no que poderán participar todas as persoas que acudan. “Agradecemos a predisposición do Concello de Narón para traballar con nós e esperamos que outros concellos fagan o mesmo”, asegurou Ana García. Así mesmo, destacou que Carla Antonelli “é unha referencia para o colectivo ao que representamos e ten moito que dicir”.

Finalmente subliñou que “Narón é unha cidade aberta á diversidade e iso supón unha alegría inmensa”. Dende o Concello e Alas Coruña animaron á veciñanza de Narón e doutros concellos a acudir a esta convocatoria.