Nova edición do programa Ecoescola para conciliar a vida laboral e familiar durante o Entroido

Publicado o 15 de Febreiro de 2011

Trátase dunha opción dirixida ás familias con fillos ó seu cargo, que precisen conciliar a vida familiar e laboral en épocas de vacacións escolares. Os nenos e nenas que desexen participar deberán ter entre 3 e 12 anos de idade

A Concellería de Igualdade de Narón, dirixida pola edil Mª del Carmen Espada, ven de abrir o prazo de solicitude para participar nunha nova edición do programa Ecoescola. Trátase dunha opción dirixida ás familias con fillos ó seu cargo, que precisen conciliar a vida familiar e laboral en épocas de vacacións escolares. Os nenos e nenas que desexen participar deberán ter entre 3 e 12 anos de idade.

Así, a Ecoescola se desenvolverá do 7 ó 9 de marzo (luns, martes e mércores de Entroido) en Aldea Nova, en horario de 8:30 a 18:30 horas. As solicitudes de inscripción poden presentarse dende hoxe e ata o día 28 de febreiro, no Rexistro Xeral do Concello. O prezo desta actividade é de 15€ e inclúe o transporte e o xantar dos tres días do programa.

O Concello pon a disposición pública un total de 48 prazas, cinco delas para menores de integración educativa. Ademáis, aportará persoal especializado, o servizo de restauración, recursos materiais e as instalacións para desenvolver este programa. Nesta ocasión, a Ecoescola enmárcase nas actividades conmemorativas da celebración do 8 de marzo, Dia Internacional da Muller Traballadora.

Este programa naceu coa finalidade de poñer fin ós obstáculos ós que se enfrontan as mulleres traballadoras para acceder e permanecer no mercado de traballo en igualdade de condicións, por ser as principais responsables do coidado de fillos e outros familiares e de cumprir con outras obrigacións persoais.

A Ecoescola ofrece así un servizo de conciliación da vida laboral, familiar e persoa, e promove a realización de actividades de corresponsabilidade entre as persoas que integran as familias ou unidades de convivencia, ademáis de habilitar recursos para garantir o dereito de acceso á igualdade de oportunidades ás mulleres en risco de exclusión social e dos menores ó seu cargo.