Contos coas mans abertas

Publicado o 18 de Outubro de 2011

A proposta da compañía A Tropa de Trapo, dirixida a público adolescente e adulto, inclúe música en directo con instrumentos de diferentes

A xira 2011 do espectáculo ‘Contos coas mans abertas’, promovida polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade dentro das súas actividades de sensibilización, chega  Narón este xoves 20 de outubro. A representación, organizada polo Concello en calidade de membro da entidade municipalista, terá lugar no IES As Telleiras ás 11 horas.

Tras a excelente acollida colleitada en 2010, a proposta músico-teatral creada pola compañía compostelá A Tropa de Trapo para a asociación de Concellos e Deputacións percorrerá este ano un total de 42 Administracións socias. O espectáculo ‘Contos coas mans abertas’, dirixido a público adolescente e adulto, baséase en pezas narradas a dúas voces onde a música en directo cobra especial relevancia.

Instrumentos como a guitarra española ou o laúde árabe mergullan aos espectadores en historias reais, recollidas case todas en primeira persoa, contos sinceros e achegados que falan do fondo humano que nos une a todos. Sen caer en tópicos sobre a solidariedade e a cooperación, ‘Contos coas mans abertas’ é un espectáculo cheo de esperanza, de humor, de amor, de pequenas loitas e grandes soños. Son contos para mellorar e entender o mundo.

Mulleres da aldea, cooperantes, guerrilleiros, vacas, inmigrantes ou unha tribo bosquimá son algúns dos protagonistas das historias de Marta Ortiz e Brais Gutiérrez, dous ensinantes de vocación que en 2006 xuntaron as súa inquedanza pola narración oral no proxecto A Tropa de Trapo. Desde entón levan percorrido toda Galicia, e mesmo outras Comunidades Autónomas, facendo reflexionar a nenos, mozos e maiores cos seus diferentes espectáculos.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha rede que engloba a 96 Concellos e ás catro Deputacións de Galicia. Fundouse en 1997 como un foro a través do que consensuar e concentrar os esforzos dos poderes locais galego no eido da cooperación ao desenvolvemento. Trátase deste xeito de garantir unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos ambiciosos que teñan un verdadeiro impacto nos países do Sur e facilitar unha meirande sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.

Desde a súa fundación, a asociación ten desenvolvido 135 proxectos en máis de 20 países, e organizado e editado multitude de actividades e materiais en relación aos desequilibrios existentes entre os países do Norte e do Sur. Ten garantido a presenza da solidariedade do pobo galego nas catástrofes que afectan a aqueles países do mundo con menor capacidade para as enfrontar, con proxectos de reconstrución (como os casos de Sri Lanka, despois do maremoto de 2004, Cuba, despois dos furacáns de 2008 ou Gaza, despois dos bombardeamentos israelitas de finais de 2008 e primeiros de 2009). Na actualidade está a implementar unha intervención de post-emerxencia no Haití e mantén aberta unha conta de emerxencia para contribuír a paliar a crise alimentaria no Corno de África.