A alcaldesa recibiu a 20 mulleres que participan en cursos municipais

Publicado o 15 de Marzo de 2023
A alcaldesa recibiu a 20 mulleres que participan en cursos municipais

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, reuniuse onte con preto dunha vintena de mulleres que participan en varios cursos organizados dende o Consistorio.

A xuntanza tivo lugar no salón de plenos, onde as visitantes tiveron a oportunidade de interesarse ante a rexedora local por varios asuntos de actualidade do municipio. “Apodérate”, “Volve a clase”, e “Competencias para o emprego” son os cursos nos que participan estas mulleres e que se desenvolven nas instalacións da Casa da Mocidade. 

As mulleres visitaron a maiores do salón de plenos as instalacións do Arquivo municipal e as dependencias do equipo de Educación Viaria de Narón, coñecendo por parte de persoal das citadas áreas o funcionamento das mesmas e tamén se lles ofreceu unha explicación xenérica do traballo que se realiza día a día no Consistorio.

Ferreiro deu a benvida ás mulleres á súa chegada ao salón de plenos e quixo tamén coñecer a visión que teñen de Narón, compartindo con elas un tempo no que intercambiaron opinións. A alcaldesa agradeceu a visita e tamén a participación das mulleres nos cursos municipais “que representan unha oportunidade para continuar o período formativo, adquisición de destrezas e, ao mesmo tempo, tamén para ampliar as posibilidades de acceder ao mercado laboral”.