A alcaldesa entregou os diplomas ás alumnas do Programa de apoio para a inclusión social das mulleres

Publicado o 06 de Xullo de 2022
Entrega de diplomas en Pedroso

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e a concelleira de Igualdade, Mar Gómez, entregaron en Pedroso os diplomas ás alumnas de tres cursos do Programa de apoio para a inclusión social das mulleres do Concello de Narón.

Estes cursos están dirixidos a mulleres de Narón desempregadas de entre 18 e 65 anos e en situación de vulnerabilidade. Un total de 50 persoas participaron nesta convocatoria, encamiñada, tal e como indicou Ferreiro, “a promover a inserción laboral das mulleres, ao tempo que fomentar a súa autonomía persoal”. A alcaldesa felicitou a todas as alumnas destes cursos, que se impartiron de balde, e animounas a continuar formándose de cara a mellorar as opcións de acceso ao mercado laboral.

“Volve a clase”, “Apodérate” e “Competencias para o emprego” son as tres formacións impartidas en varias quendas na Casa da Mocidade, nas instalacións do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, e na Escola de San Mateo. As clases desenvolvéronse dous ou tres días á semana, en función do curso elixido, e en horario de mañá e de tarde, co fin de ofrecer maiores opcións ao alumnado para que puidese acudir ás mesmas.

Nas sesións de “Volve a clase” as alumnas abordaron contidos vencellados á alfabetización, preparación de probas de acceso a ciclos e ESA, ensinanza de español e galego para inmigrantes e tamén preparación das probas de Competencias clave niveis 2 e 3. En canto ás sesións de “Apodérate”, as alumnas tiveron a oportunidade de adquirir destrezas en varios eidos: persoal, sanitario, educativo, de lecer… e as de “Competencias para o emprego” trataron contidos como o autocoñecemento, o empoderamento, obxectivos profesionais, técnicas de busca de emprego, autoemprego e novas tecnoloxías, entre outros.

“Ogallá estes cursos supoñan para todas vós novas oportunidades no mundo laboral, que é un dos obxectivos principais polos que os convocamos, para que esteades en igualdade de oportunidades á hora de acceder ao mercado laboral e acadar a plena integración social”, asegurou Ferreiro durante a clausura dos cursos, que culminou cunha comida de confraternidade en Pedroso.