Aberto o prazo de inscrición na “I Carreira pola Igualdade Concello de Narón”

Publicado o 23 de Febreiro de 2022
Aberto o prazo de inscrición na “I Carreira pola Igualdade Concello de Narón”

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presentou esta mañá xunto cos edís de Deportes, José Oreona, e Igualdade, Mar Gómez, a “I Carreira pola Igualdade Concello de Narón”.

O Concello organiza este evento –co control técnico da Delegación en Ferrol da Federación Galega de Atletismo-, que terá lugar o vindeiro 6 de marzo a partir das 10.00 horas, tal e como avanzou a rexedora local. Ferreiro anunciou a apertura do prazo de inscrición neste evento deportivo, que se pode tramitar a través da web: www.carreirasgalegas.com ata o 3 de marzo ás 23.59 horas. O prezo de inscrición é de 4 euros para as categorías absolutas e gratuíta para os menores.

A rexidora local explicou que a saída e chegada están fixadas no pavillón polideportivo da Gándara, para un percorrido de cinco quilómetros aproximadamente que discorrerá polo termo municipal para as categorías absolutas. A maiores desa categoría, para nados de 2004 en adiante, están tamén as de prebenxamín (100 metros), para nados en 2015 e posteriores e con saída ás 10.45 horas; a benxamín sub-10 (500 metros) e alevín sub-12 (1.500 metros) para nados/as en 2013-2014 e en 2011-2012 e con saída ás 10.30 e 10.15 horas respectivamente. Así mesmo, hai unha categoría infantil sub-14 (1.500 metros) para nados en 2009-2010 e outra de cadete e xuvenil (2.000 metros) para nados/as en 2005-2008, con saídas ás 10.00 e 11.00 horas respectivamente. Así mesmo, tamén poderán participar persoas noutras categorías: en cadeira de rodas, handbike, invidentes e discapacitados/as intelectuais, todas elas non oficiais da Federación Galega de Atletismo.

En marcha pola Igualdade

A retirada de chips será no pavillón da Gándara o venres 4 de marzo de 17.30 a 21.00 horas; o sábado 5 entre as 10.00 e as 14.00 e o domingo 6 dende as 8.30 ata as 9.30. A proba ten un límite de 700 participantes na categoría absoluta e de 300 nas de menores.

Ferreiro explicou que a organización premiará nas categorías absolutas ás tres primeiras mulleres e homes en chegar á meta e nas categorías non oficiais tamén se premiarán aos tres primeiros homes e mulleres en cada unha delas. A participante feminina de maior idade que remate a proba tamén recibirá un premio e nas categorías de menores haberá medallas para todas as persoas participantes.

A alcaldesa, xunto cos edís de Deportes e Igualdade, animou á veciñanza a participar nesta convocatoria, enmarcada no programa de actos do 8 de marzo, Día Internacional da Muller e co fin de contribuír a reivindicar a igualdade real entre homes e mulleres.