Foro de Cidadás

Camiñando pola plena igualdade

FORO DE CIDADÁS DO CONCELLO DE NARÓN

Ao berro de ACUDIDE VECIÑAS!!! Un grupo de mulleres veciñas de Narón respostan á chamada cada mes co gallo de tomar a palabra e ser partícipes de xeito activo das súas propias vidas e á vez da vida do concello.

Sendo conscientes da importancia dos procesos de empoderamento das mulleres, dende o Concello de Narón valórase como positivo a posta en marcha do Foro de cidadás, como ferramenta para promover a creación dun movemento de mulleres no concello, movemento de mulleres fortes e feministas onde poder dar forma aos propios obxectivos do I Plan de Igualdade onde se enmarca este proxecto, sendo un espazo de interacción que facilite por unha banda, a integración da perspectiva de xénero nas políticas municipais, ao ser unha ferramenta básica de coñecemento de demandas, capacidades e necesidades do colectivo de mulleres, e pola outra, fomentando e posibilitando procesos de empoderamento e de participación sociopolítica plena, á vez que positivizando as relacións e redes entre mulleres, consolidando así a sororidade das veciñas do Concello de Narón.

OBXECTIVOS DO FORO DE CIDADÁS

O Foro de Cidadás do Concello de Narón é unha actividade enmarcada dentro do I Plan de Igualdade para as mulleres de Narón, dentro da área de participación social e política das mulleres: empoderamento, creado coa finalidade de “Promover a posta en marcha de medidas que faciliten a presenza de mulleres e a participación activa das mesmas en todos os ámbitos da vida e que o seu punto de vista estea presente nas políticas e programas que se deseñen e implementen no Concello”.

Os obxectivos específicos que persegue a creación deste espazo son:

  • Facilitar un espazo de comunicación onde as mulleres do Concello exerzan a cidadanía activa
  • Fomentar os grupos e redes de mulleres
  • Sensibilizar e informar sobre a posta en marcha de medidas específicas en materia de muller por parte do concello.
  • Promover actividades que fomenten o empoderamento das mulleres como colectivo e a nivel individual
  • Establecer unha canle de comunicación entre as mulleres de Narón e o Concello que facilite a posta en marcha de políticas tendo en conta a opinión das mulleres.
  • Implicar ás mulleres en xeral e ao tecido asociativo en particular na toma de decisións da vida social e política.

METODOLOXÍA DO FORO DE CIDADÁS

O traballo a facer nos Foros de Cidadás está baseado na participación activa das mulleres na totalidade das accións que se leven a cabo dentro do mesmo.

O traballo grupal, favorecedor da cohesión entre as mulleres participantes, a través da reflexión e do debate, permite que no Foro de cidadás os resultados obtidos sexan froito das intervencións das mulleres nos grupos de traballo, construindo así un coñecemento propio partindo de experiencias vitais de cada unha, ofrecendo ás compañeiras estratexias e alternativas para a resolucións de diversos conflictos, xunto co establecemento das redes sociais entre mulleres, que de xeito formal e informal favorecen a activación da participación social e política.

A tranversalización da perspectiva de xénero en todas as sesións do foro de cidadás, permite que as mulleres comecen a identificar as cuestións de xénero relevantes a ter conta para favorecer a consecución dun Narón mais igualitario e mais xusto.

Os temas que se abordan en cada sesión do Foro de cidadás non son escollidos ao azar, senón que son solicitados e demandados polas propias participantes, xa que en cada sesión aproveitan para facernos chegar os seus intereses a través dunha enquisa avaliativa na que se recollen as opinións das mulleres que asisten ao foro, para poder facilitar que o foro de cidadás sexa o espazo de comunicación das mulleres.

SERVIZOS OFERTADOS

Co gallo de facilitar a presenza das mulleres nas actividades postas en marcha no Foro de Cidadás, ponse ao servizo das mulleres que desexan participar servizos de atención para persoas dependentes.

Para poder disfrutar deste servizo é preciso que as mulleres interesadas o soliciten no concello cunha anterioridade de 4 días, chamando ou pasando polo Servizo Sociocomunitario, telf, 981337700 Ext. 326.

O disfrute deste servizo está a disposición das mulleres durante o transcurso do Foro, no caso de atención a menores a idade mínima é de 2 anos.