O Concello abriu o prazo de inscrición no curso “Mulleres en rede”, dirixido a mulleres maiores de 50 anos con doenzas psicosomáticas 

A edil de Igualdade, Mar Gómez, indicou que as sesións se levarán a cabo entre este mes e decembro deste ano nun centro cívico social ou centro comunitario da cidade.

“A finalidade é que as mulleres que participen aprendan a manexar diferentes funcións do seu teléfono móbil, como os chats, a realizar xestións, videochamadas, redes sociais… e tamén ao mesmo tempo abordar temas como a soidade, a xestión emocional”, explicou Mar Gómez. A edil naronesa explicou ademais que se abordarán outros temas como a relaxación e o exercicio físico, a relación coa dor, o estrés, a ansiedade

Entre as finalidades desta convocatoria, de balde, tamén está, apuntou a edil, “a creación dunha rede social de apoio e dun espazo de aprendizaxe emocional, ao tempo que se dotará ás participantes de ferramentas para o autocoidado emocional e se lles facilitará un tempo de desconexión da rutina diaria”. En total habilitaranse trinta prazas, en diferentes quendas, que terán lugar os martes de 10.00 a 11.30 ou de 16.30 a 18.00 horas e os mércores de 16.30 a 18.00 horas.

As solicitudes poden presentarse no Rexistro municipal, na Sede Electrónica do Concello ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario dispoñible na Sede Electrónica de Narón. Para máis información pódese chamar ao Servizo Sociocomunitario Municipal, ao número de teléfono 981 337 700 (extensións 1115, 1108 e 1109).