O Concello organiza cinco obradoiros para ofrecer ferramentas que faciliten a corresponsabilidade doméstica

As sesións desenvolveranse entre este mes e decembro deste ano nos locais sociais do Concello en horario de mañá, de 10.30 a 12.00 ou de tarde, de 16.00 a 17.30, tal e como indicou a concelleira de Benestar Social, Catalina García.

A edil naronesa explicou que se levarán a cabo os obradoiros de: respiro emocional, “Nin tempo para respirar!”; de xestión doméstica, “Que se coce na túa casa?”; de xogos igualitarios, “A que estades xogando?”; para tecer redes, “Dar que tecer!” e de autocoidados e bo trato, “Coido que te coidas”. Cada un destes obradoiros terá unha duración dunha hora e media.

“Estes obradoiros programáronse atendendo ás suxestións que nos seu día nos realizaron veciñas e veciños da cidade ao responder a unha enquisa na que nos interesamos polos problemas de conciliación que tiveron durante a pandemia da covid-19”, explicou García. De ahí o feito de organizar este “kit formativo de supervivencia doméstica” dirixido ás familias de Narón, apuntou a edil, que animou á cidadanía a participar.

As persoas interesadas en inscribirse ou obter máis información poden facelo a través do correo electrónico: info@arabias.org ou chamando en horario laboral ao número de teléfono 608 631 376.