Prevención da violencia de xénero e protagonizada por escolares.

As edís de Igualdade, Mar Gómez, e Ensino, Mercedes Taibo, presentaron ayer no Concello a campaña municipal “Non pases polo aro”. Gómez explicou que se trata dunha das propostas que forman parte do programa deseñado polo Concello para conmemorar o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, e avanzou que á presentación da imaxe da campaña seguiralle esta mesma semana a presentación do vídeo promocional da mesma, protagonizado por alumnado do IES das Telleiras e do CPR Ayala. As edís naronesas recordaron que esta iniciativa se cofinancia con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade, a través da Secretaría de Estado de Igualdade.

“Trátase dunha campaña de sensibilización contra a violencia de xénero e que se difundirá a través das redes sociais, unha iniciativa que ten entre os seus obxectivos previr, sensibilizar e visibilizar a violencia de xénero na vida cotiá dos rapaces e rapazas e dende os seus estadíos iniciais”, explicou Gómez. O lema elixido, “Non pases polo aro” alude, indicou a edil, “ao rexeitamento activo ao machismo, á necesidade de reaccionar contra este tipo de condutas. Ten unha imaxe central, que é un aro de lume que simboliza o perigo de admitir e deixarse levar por actitudes machistas e as súas diferentes manifestacións, e dentro do aro unha imaxe dunha rapeira que interpreta o tema musical desta campaña”.

A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, destacou que esta iniciativa se dirixe “a mozas e mozos de entre 14 e 18 anos que estudan nos centros educativos da cidade pero chegará a toda a poboación a través das súas mensaxes, que se transmitirán no ámbito escolar en trece centros de ensino da cidade, e en espazos colectivos como centros cívicos sociais e entidades veciñais, centros deportivos e de lecer, comercios, espazos culturais… e outros.

Taibo explicou que “sete alumnos e alumnas de 16 anos son a cara visible deste importante traballo realizado por eles e os seus compañeiros e compañeiras, aos que dende o Concello queremos agradecer a súa implicación”. Saray Moreno Barro, Salma Prados Vilas, Edgar Saldivar Sánchez, Roberto Cebreiro Pérez, Raúl Rodríguez Fernández, e Iker Crego Cobelo do IES Terra de Trasancos e Lucía Cascudo Fernández, do CPR Ayala, son a cara visible do vídeo promocional, realizado coa colaboración da orientadora do citado IES, Saínza Bonome Carballés.

O formato da campaña é un vídeo musical ao ritmo de rap electrónico, un estilo moi popular entre os adolescentes e que ten un carácter reivindicativo que coincide coa imaxe da campaña. Gómez avanzou que haberá un video principal do que se extraerán pequenos formatos audiovisuais para difundilos a través doutros dous vídeos de menor duración. Tamén hai cartelería, folletos e crearanse contidos en redes sociais para que a campaña chegue a un maior número de persoas.

Finalmente, Gómez e Taibo agradeceron “a participación das persoas que se implicaron activamente nesta campaña, en especial ao alumnado dos centros que realizaron o vídeo e á orientadora do IES das Telleiras”.