A visita figura no marco de actividades de sensibilización medioambiental.

O programa municipal “Narón en Transición” celebrou onte pola tarde unha nova actividade. O concelleiro de Medio Ambiente, Santiago Galego, que acudiu á visita programada ao tanque de tormentas da Gándara, explicou que, no marco das actividades de sensibilización medioambiental que se impulsan a través desta iniciativa, diferentes colectivos visitarían os tanques de tormentas ubicados na cidade.

Na primeira das visitas programadas participaron un total de vinte mulleres que acoden aos obradoiros municipais “Igualdade por medio da educación” e ao de “Integración e xestión familiar. No transcurso da visita da tarde de onte ao tanque de tormentas da Gándara (nas proximidades do centro comercial Alcampo), un técnico do programa “Narón en Transición” acompañou ao colectivo, se ben foi persoal da empresa Acuaes o que se encargou de realizar unha visita guiada polo interior das instalacións, ofrecendo as explicacións sobre o funcionamento das mesmas e tamén respostando ás preguntas que se formularon durante o percorrido.

A visita da tarde deu comezo ás 17.30 horas. “Trátase de dar a coñecer á cidadanía que é un tanque de tormentas, como funciona e o servizo que presta e que repercuten directamente na limpeza da auga que vai a parar á ría, de xeito que tamén sirva como concienciación sobre a importancia do respecto e coidado do medio ambiente”, subliñou Galego.