O acto incluíu actividades concienciadoras para a mocidade.

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, a concelleira de Igualdade, Mar Gómez, e representantes dos partidos políticos da corporación local desprazáronse onte polo mediodía á Praza da Gándara para participar no acto oficial organizado polo Concello con motivo do 25N, Día Internacional contra a violencia de xénero. A convocatoria incluíu varias propostas nas que participaron alumnado e profesorado do colexio Santiago Apóstol, representantes de asociacións e outras veciñas e veciños da cidade.

A alcaldesa e a edila de Igualdade agradeceron a participación de todas as persoas que se sumaron ao acto, no que alumnado do Santiago Apóstol colocou unhas cintas de cor lila con mensaxes a favor da igualdade e contra a violencia nunha celosía; interpretaron e leron un conto sobre a Igualdade protagonizado por unha princesa da Igualdade, leron mensaxes contra a violencia e, os de menor idade, amosaron a pancarta realizada a prol da Igualdade. Unha representación das mulleres que realizaron cursos de Igualdade tamén interviñeron no acto, lendo frases sobre a igualdade.

Marián Ferreiro dirixiuse aos presentes para recordar ás vítimas da violencia de xénero. “Vítimas inocentes dunha lacra social que temos que erradicar entre todas e todos e, para avanzar cara a ese ansiado obxectivo, dende o Concello sumámonos un ano máis á campaña En Negro contra as violencias”. No manifesto do 25N a alcaldesa da cidade recordou as 51 mulleres asasinadas no que vai de ano a mans das súas parellas e condenou a violencia en xeral e a de xénero en particular. “Sabemos que a morte é a última e máis extrema das violencias machistas, pero que son moitas máis e de moi diferentes formas as violencias que rodean e perseguen ás mulleres”, indicou, incidindo na importancia da prevención e reiterando o compromiso do Concello de Narón na loita contra a violencia de xénero.

As edilas de Igualdade e Ensino, Mar Gómez e Mercedes Taibo, respectivamente, desprazáronse tralo acto á exposición que pode verse no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros con traballos sobre a igualdade e contra a violencia realizados por alumnas e alumnos de quinto e sexto de Primaria de centros de ensino da cidade.

A tarde de onte continuou a programación do 25N na cidade, concretamente na Axencia da Lectura da Solaina, onde entre as 18.00 e as 19.00 horas tivo lugar a elaboración e exposición dun deseño no que se constatará o rexeitamento á violencia. Nenas e nenos de 7 a 12 anos foron os encargados de realizar este deseño, que hoxe, nas mesmas instalacións e á mesma hora, realizarán menores de 3 a 6 anos. As actividades na Axencia de Lectura da Solaina complétanse con xogos cooperativos para a prevención da violencia.

Tamén esta semana, o venres –entre as 17.00 e as 18.30 horas- haberá actividades na Axencia de Lectura da Solaina, nesa ocasión a proxección de Arturo y Clementina, un audiovisual dirixido a nenas e nenos de entre 3 e 12 anos, sobre o tema da igualdade. Os menores participarán nun debate posterior á proxección para analizar as mensaxes que se trasladan a través da mesma. Así mesmo, o venres 29 o local social da Sociedade Cultural e Recreativa “A Pombiña”, de Pedroso, acollerá ás 20.30 horas o espectáculo teatral O rueiro das liortas, da compañía Elefante Elegante e para nenas e nenos a partir de 8 anos.

A última das citas do programa do 25N na cidade terá lugar o sábado día 30 na Biblioteca municipal do Alto, onde ás 11.00 horas comezará o contacontos Conto con xogo, unha sesión que inclúe xogos de cooperación para a igualdade de xénero dirixidos a menores de 4 a 9 anos. As inscricións para participar nesta actividade poden formalizarse a partires de hoxe martes, ás 16.00 horas, no mostrador da sala de adultos da Biblioteca ou chamando por teléfono ao número 981 382 173.