Súmase un ano máis á campaña pola Igualdade

A concelleira de Igualdade de Narón, Mar Gómez, desprazouse o pasado venres día 22 a Lugo para asistir ao acto institucional de asinado do “Protocolo de colaboración para o desenvolvemento da quinta edición da campaña En Negro Contra as Violencias”, á que un ano máis se adheriu o Concello de Narón. A convocatoria tivo lugar ás 12.00 horas no Centro Cultural O Vello Cárcere.

Mar Gómez incidiu en que a través desta campaña xa se están desenvolvendo actividades en Narón, no marco do programa do 25N, Día Internacional contra a violencia de xénero. “O Concello de Narón está comprometido na loita contra calquera manifestación de violencia en xeral e a exercida contra as mulleres en particular, polo que a maiores das actividades que se levarán a cabo ao longo deste mes na cidade, continuaremos impulsando o resto do ano iniciativas con diferentes colectivos sociais co obxectivo de erradicar este tipo de condutas”.

Nos obxectivos do propio Plan Municipal de Igualdade de Narón –a segunda edición- recóllese a necesidade de visibilizar a loita real contra a violencia de xénero, tal e como recordou Gómez, que subliñou a importancia do traballo conxunto entre as administracións e os diferentes colectivos da sociedade para erradicar a lacra social que supón a violencia de xénero.