Celebrouse unha concentración na que se gardou un minuto de silencio

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, presidiu este mediodía a concentración que tivo lugar diante da porta principal do Concello para condenar o triplo crime machista de Valga, en Pontevedra, que tivo lugar na mañá de onte luns. Á convocatoria, que tivo lugar ás 12.00 horas, acudiron tamén outros representantes da corporación local e persoal funcionario e interino do Consistorio.

Un home de 45 anos, José Luis Abet, matou a tiros á súa exmuller, Sandra Boquete, de 39 anos; á excuñada, Alba Boquete, de 27, e á exsogra, Elena Jamardo, de 58 anos, no lugar de Carracido, en Valga. O asasino e a súa exmuller tiñan dous fillos menores, que presenciaron o crime.

Dende o Concello de Narón gardouse un minuto de silencio en sinal de repulsa deste triplo asasinato, condenando os feitos e tamén se amosaron as condolencias á familia e amizades das vítimas. Os representantes do goberno local portaban unha pancarta co lema: “Narón contra a violencia de xénero”.