Impulsaranse unha serie de accións dirixidas a mozas e mozos de entre 14 e 18 anos.

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Igualdade, Teresa Sabio, presentaron o venres a campaña de Sensibilización contra a violencia de xénero que se inicia na cidade. Ferreiro e Sabio estiveron acompañadas por dúas alumnas e un alumno do IES das Telleiras: Lidia Romero, Natalia Montero e Miguel Piñeiro, e tamén por dúas orientadoras do centro: María Jesús Barreiro e Saínza Bonome, que colaboraron activamente na campaña, no caso dos estudantes cedendo desinteresadamente a súa voz e imaxe para vídeos e flyers. 

Baixo o lema Desmontando Micromachismos impulsaranse unha serie de accións dirixidas a mozas e mozos de entre 14 e 18 anos, preto de 900 alumnas e alumnos de seis centros educativos da cidade: os CPR Ayala, Jorge Juan e Santiago Apóstol, o CPI do Feal e os institutos das Telleiras e Terra de Trasancos. A difusión prevista desta campaña –a través de Facebook, Instagram, con cartelería, volantinas…- permitirá ampliar o seu radio de acción para que tamén chegue ao resto da cidadanía a través de diferentes espazos colectivos, como centros sociais, culturais ou deportivos, así como ao alumnado dos colexios da Solaina, Piñeiros, Ponte de Xuvia, a Gándara, Virxe do Mar e o CRA. Nas contas de Instagram (@igualdade_naron) e Facebook (igualdade_naron) desta campaña, operativas desde o venres, pódense utilizar os cancelos: #DesmontandoMicromachismos, lema da campaña, e tamén outros como: #CoartarNonÉProtexer, #PosuírNonÉAmar e #ControlarNonÉQuerer.

As imaxes centrais desta campaña serán dúas mozas e un mozo, que mirarán de fronte e cunha lupa nun ollo, a modo de amplificación dos micromachismos. “A través da campaña Desmontando Micromachismos apostamos por previr, sensibilizar e visibilizar a violencia de xénero, desde os seus estadíos iniciais e nos diversos ámbitos da vida cotiá dos adolescentes”, tal e como explicou a alcaldesa, Marián Ferreiro.

A edil de Igualdade, Teresa Sabio, asegurou que “a adolescencia era un momento importante para facer esta campaña porque quizáis estamos involucionando”, e agradeceu ás alumnas e ao alumno a “vosa valentía de facer isto para prestar a vosa imaxe porque os problemas están aí e temos que traballar para erradicalos”.

Pola súa banda, a alcaldesa, Marián Ferreiro, felicitou tamén o traballo das dúas alumnas e o alumno das Telleiras, así como o das orientadoras do centro, e destacou a importancia de “incidir nas novas xeracións para que sexan mellores, sementando para recoller dentro duns anos, e sen descoidar tamén este mesmo traballo con persoas doutras idades, porque isto ten que ser unha tarefa de todos e todas”. “Estamos encantados de que colaboredes con nós”, subliñou Ferreiro tras visionar os vídeos presentados hoxe, e que progresivamente se irán subindo ás contas de Facebook e Instagram, se ben se difundirán tamén a través da web –www.naron.es- e do Facebook do Concello (Concello de Narón).

Esta campaña forma parte das medidas previstas no Pacto do Estado contra a violencia de xénero, recibindo Narón do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade –a través da Secretaría de Estado de Igualdade- unha partida de 7.759 euros para levar a cabo as diferentes accións previstas.