Ás 21.30 horas no restaurante Sercotel Odeón, na Gándara.

O Concello continuará desenvolvendo mañá o programa de actos do 8M, Día internacional da Muller, coa tradicional Cea da Muller. Máis de 150 persoas confirmaron a súa asistencia á convocatoria, que terá lugar a partir das 21.30 horas no restaurante Sercotel Odeón, na Gándara. Na convocatoria, á que asistirá a alcaldesa, Marián Ferreiro, e outras edís da corporación local, rendirase unha homenaxe pública á Muller do Ano 2019 de Narón, Izaskun Hernáez, que recibiu un recoñecemento oficial no Concello o pasado 11 de marzo. Asistirán tamén á cea familiares e amizades da homenaxeada, así como numerosas veciñas da cidade e tamén doutros concellos da zona.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a edil de Igualdade, Teresa Sabio, dirixirán, como é habitual, unhas palabras a Izaskun Hernáez antes da cea. Hernáez, presidenta e adestradora do Club Acordes Narón, atleta do Náutico de Narón e participante en eventos deportivos que se convocan en Narón e comarca, recibiu este ano a distinción de Muller do Ano 2019 tras acordalo por unanimidade a corporación local naronesa na pertinente sesión plenaria.

O Concello iniciou o pasado 8 de marzo os actos do Día Internacional da Muller cunha programación que incluíu unha exposición, obradoiros para nenos e nenas, para persoas maiores… e que continuará nos vindeiros días cos obradoiros sobre Supervivencia doméstica para persoas maiores. Estes obradoiros cos que se pecharán os actos do 8M, son abertos á asistencia da cidadanía en xeral e impartiranse durante dúas horas (de 17.00 a 19.00) o 29 de marzo e o 5 de abril nas instalacións do Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros; o 1 de abril no Centro Cívico de Pedroso, o 2 de abril no local social da Solaina e o 4 e 11 de abril no local social do Val.