Exposta no IES Terra de Trasancos ata finais deste mes.

O instituto Terra de Trasancos acolle ata finais deste mes a exposición “Somos a metade”. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e as concelleiras de Ensino, Mercedes Taibo, e Igualdade, Teresa Sabio, asistiron o pasado venres, ás 11.30 horas, á inauguración desta mostra, integrada por cartelería, imaxes e pequenos vídeos nos que se abordan temas como a relevancia do papel da muller ao longo da historia e a violencia de xénero. 

Algo máis de 150 alumnas e alumnos de ESO do Terra de Trasancos participaron nos traballos realizados para esta exposición. Nos mesmos saliéntase o labor das mulleres en disciplinas como as artes plásticas, a literatura, a música, as ciencias… e tamén se poden ver unha serie de vídeos –de curta duración- sobre algunhas mulleres no seu entorno. A maiores, o profesorado colaborou cos estudantes no apartado reservado para a fotografía, con imaxes e mensaxes vencelladas a unha campaña contra a violencia de xénero.

A alcaldesa da cidade felicitou, ao igual que as dúas edís da corporación, ao alumnado polo traballo realizado. Así mesmo, Ferreiro animou aos rapaces e rapazas a continuar traballando a prol da igualdade e contra a violencia de xénero, destacando a importancia de que as novas xeracións se impliquen activamente, como neste caso.