O concello acolle hoxe varios actos

As nenas e nenos de entre 7 e 12 anos cobrarán parte do protagonismo, concretamente cunha das propostas do día que terá lugar nas instalaciós da Axencia da Lectura da Solaina (Ludoteca), donde esta tarde, de 18.00 a 19.00 horas, comezarán a realizar un gran Mural temático contra a violencia machista. Na xornada de mañá continuarán traballando neste mural, no mesmo horario de tarde, os menores de 3 a 6 anos, para, durante o mércores e xoves dar paso ao desenvolvemento de Xogos cooperativos contra a violencia.

As nenas e nenos desas idades que queiran participar no citado mural pero que non poidan acudir a realizalo nas horas indicadas, terán a oportunidade de implicarse na actividade deixando as súas aportacións na Ludoteca da Solaina, que se incorporarán a esta iniciativa.

A programación de hoxe inclúe a apertura na Biblioteca municipal dunha exposición bibliográfica sobre a temática: Educar no feminismo e na igualdade como prevención na violencia machista. A mostra pódese ver ata o vindeiro día 24. Tamén esta tarde se convocou unha charla sobre Prevención de violencia de xénero nas aulas, que impartirá María del Carmen López, psicóloga da Asociación de Loita Contra os Malos Tratos (Almat), a partir das 19.00 horas na Axencia de Lectura da Casa da Mocidade, na Gándara. A maiores das propostas desta semana, ata o vindeiro día 30 deste mes pódese ver no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros a exposición de traballos que realizaron alumnas e alumnos de sexto curso de Primaria de centros educativos da cidade (os CEIP da Gándara, A Solaina, Ponte de Xuvia, Virxe do Mar, o CPI do Feal e os CPR Ayala e Santiago Apóstol).

O vindeiro acto desta semana será a Marcha ciclista contra a violencia de xénero, o xoves día 22, organizada polo Concello e na que participarán uns 350 escolares de sexto curso de Primaria de centros educativos da cidade. Sairán sobre as 10.00 horas dos colexios cara ao Pazo da Cultura e desde alí dirixiranse ao Auditorio municipal, donde asistirán, sobre as 11.30 horas, á proxección da obra teatral infantil Nómadas.

A maiores dos actos programados, tanto o acceso ao Concello como outras instalacións municipais –Pazo da Cultura, Biblioteca municipal- teñen á vista material promocional da campaña “En Negro contra as violencias”, á que se adheriu o Concello. Os particulares e entidades que o desexen, e os representantes dos sectores hostaleiro e comercial da cidade, entre outros, poden descargar material promocional desta campaña para colocalo nas vivendas e establecementos, descargándoo a través do enlace: https://ennegrocontraasviolencias.gal/#descargas.