Un centenar de menores participarán este ano nesta iniciativa

Un centenar de menores de entre 4 e 12 anos participarán este ano na convocatoria, que dispón de cinco quendas, tal e como recordou a edil. As nenas e nenos asistiron na xornada de hoxe a un obradoiro de reciclaxe, no que dúas monitoras lles ensinaron a importancia de reciclar e como facelo correctamente.

Sabio conversou cos participantes, que lle solicitaron que continúen organizándose novas edicións deste programa municipal, do que aseguraron desfrutar coas súas actividades: xogos de auga, musicais, obradoiros de cociña…

A edil naronesa asegurou que “desde o goberno local estamos traballando para organizar máis quendas, nun horario máis amplo e abrindo o programa a nenos e nenas doutras idades para así poder atender mellor a demanda deste programa de conciliación”. Sabio comprometeu así a convocatoria de próximas edicións e destacou que o Concello naronés dispón ademais doutros recursos municipais dirixidos ás familias nesta época do ano, para facilitar a conciliación da súa vida laboral e persoal.

Nas instalacións da Ludoteca municipal da Solaina ofrécense unha gran variedade de actividades, baixo a temática “Viaxando polo mundo”. Poden participar nenas e nenos de entre 3 e 12 anos –hai un total de sesenta prazas- que contan cun amplo abano de propostas de luns a venres, en horario de 10.00 a 13.00 ata o 10 de setembro (agosto permanece pechada). Así mesmo, na Aula Cemit de Xuvia e nalgúns locais sociais da zona rural estase impartindo ata o 31 de xullo o programa municipal Informática Divertida (INDI), para mozas e mozos de entre 8 e 12 anos. As sesións teñen lugar polas mañás, de 10.00 a 13.30 e de luns a venres, iniciando aos participantes en temas como a Programación e a robótica educativas, a creación de cómics dixitais ou a  programación de videoxogos.

Por último, desde o Concello ofrécese tamén outra proposta: Narón Mocidade Activa 4.0, dirixida neste caso a nenas e nenos nados entre os anos 2002 e 2005 e que se impartirá na Casa da Mocidade, no Parque Temático de Aldea Nova e na praia de Esmelle. Un total de vinte menores poderán participar do 16 ao 21 de xullo, de luns a venres, entre as 16.30 e as 20.30 nesta iniciativa, na que haberá varios obradoiros (skate, muralismo, graffite, igualdade, corresponsabilidade…).