Exposición sobre Hildegart, Festival Singular en Feminino, charlas e homenaxes...

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro; a concelleira de Igualdade, Teresa Sabio, e Luis Calvo, representante da xestora do Ateneo Ferrolán, presentaron a semana pasada en rolda de prensa os actos conmemorativos do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller.

 A programación comezou o pasado xoves, día 1, cunha mostra de Hildegart, e rematará o 16 de marzo, coa tradicional Cea das Mulleres. Ferreiro destacou que “un ano máis reivindicaremos os dereitos e a igualdade das mulleres nesta sociedade, na que aínda queda un longo camiño por percorrer pero no que, sen dúbida, será máis doado avanzar conxuntamente na procura destes obxectivos”. A rexedora local e a edil naronesa animaron ás veciñas e veciños a participar nos variados actos organizados con motivo do 8 de Marzo, implicándose así activamente na programación do Día Internacional da Muller.

A sala de exposicións da Biblioteca municipal acolle entre o 1 e o 15 de marzo, a Mostra de Hildegart. Trátase dunha exposición con textos e imaxes de Hildegart Rodríguez Carballeira, formada por dezaseis paneis. As persoas que visiten esta mostra, organizada conxuntamente co Ateneo Ferrolán, coñecerán máis polo miúdo a vida desta ferrolá, unha das persoas que máis contribuíu na súa época á liberación e participación da muller na sociedade. Luis Calvo agradeceu a colaboración prestada polo Concello de Narón ao traer á cidade esta mostra, “coa que dar a coñecer a vida de Hildegart, unha muller que destacou moito na súa breve vida, xa que a matou a súa nai, Aurora Rodríguez, aos dezanove anos”. Calvo anunciou tamén que o Ateneo doará á Biblioteca municipal cinco exemplares do libro “Actas do Congreso do Centenario de Hildegart Rodríguez Carballeira (1914-1933)", no que se recollen as actas dese evento, celebrado no Ateneo Ferrolán no ano 2014.

O día 2 de marzo tivo lugar no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros unha mesa redonda. Coidando a coidadora foi o título desta proposta, que se desenvolveu entre as 17.00 e as 19.00 horas e que presentou a edil de Igualdade, Teresa Sabio. No acto participou unha psicóloga, que analizou en profundidade o tema das coidadoras e falou tamén do recurso municipal nesta área, o obradoiro Coidando a coidadora. Sobre as 17.30 chegou o turno dunha médica de familia, que abordou o tema do Síndrome da persoa coidadora queimada e entre as 17.45 e as 18.15 enfermeiras residentes falaron sobre os Coidados cotiáns á persoa dependente. Finalmente o acto pechou cunha rolda de preguntas, aberta a todos os asistentes, e que se programou entre as 18.15 e as 18.45 horas. A concelleira naronesa incidiu na importancia de “profundizar coa axuda de profesionais en temas como este, porque o coidado dos maiores recae xeralmente nas mulleres, que precisan tamén dunhas pautas e unha atención para realizar este tipo de tarefas”.+

O día 7 –previo á data conmemorativa do Día Internacional da Muller- celebrarase no Concello unha homenaxe institucional ás Mulleres do Ano de Narón 2018, visibilizando este ano a biografía de tres mulleres destacadas na cidade. A pasada semana a corporación local aprobou no pleno por unanimidade nomear a María del Carmen Fernández Merlán, Rosario Alabau Albors e Mercedes Piñeiro Cabalo Mulleres do Ano de Narón 2018, destacando así ás tres mulleres que por primeira vez entraron a formar parte da corporación do Concello de Narón no ano 1979.

A alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, explicou que, a maiores, se programaron no Pazo da Cultura cinco monólogos feitos por mulleres, enmarcados na proposta do Festival Singular en Feminino, que se desenvolverán do 8 ao 17 de marzo no Auditorio e no Pazo. Estas últimas instalacións permanecerán iluminadas de cor malva na xornada do 8 de marzo, conmemorando así o Día Internacional das Mulleres. A compañía Teatro del Barrio protagonizará o primeiro monólogo, Emilia –xoves día 8 ás 20.30 horas no Pazo; o segundo correrá a cargo de Eme2, A noiva de Don Quixote, -o día 9 ás 18.30 no Auditorio municipal; Ibruprofeno Teatro protagonizará A filla de Woody Allen –o día 9 ás 20.30 no Pazo-; Iris Teatro traerá a Narón Frida –o día 10 ás 20.00 horas no Pazo- e, por último, Berrobambán protagonizará A carreta pantasma –o día 17 ás 20.00 horas no Pazo-. Dos cinco monólogos tres deles son en galego e, a maiores, A noiva de Don Quixote é ademais unha coproducción do Padroado da Cultura, tal e como apuntou Ferreiro.

Por último, na xornada do 16 de marzo celebrarase a tradicional Cea-baile das mulleres, unha xuntanza aberta organizada polo Concello e na que se homenaxerá publicamente ás Mulleres do Ano de Narón 2018 coas veciñas que desexen asistir a este evento. As persoas interesadas en acudir poden adquirir os tickets –a un prezo de 20 euros- no restaurante A Grella dos Avós, na parroquia de Sedes. A cea dará comezo ás 21.30 horas.

Todos estes actos compaxinaranse cunha campaña informativa para programas de muller e deporte, nos que se informará sobre as liñas de subvencións para deporte feminino e que terá lugar esta semana.