Desprazáronse o pasado venres ás instalacións da entidade na parroquia do Val.

A presidenta e a xerente das instalacións, Concepción Lage e Rocío Coira, respectivamente, recibiron ás representantes do goberno local para explicarlles as diferentes iniciativas nas que está inmersa e tamén as acompañaron nun percorrido polo centro.

Un dos últimos proxectos impulsados pola entidade é o da construción dunha vivenda de promoción de vida autónoma e familiar. Trátase dunha construción de 130 metros cadrados de superficie que se ubicará nas inmediacións das actuais instalacións da asociación, no Val, e que contará con seis prazas para vivenda tutelada e dúas de respiro familiar, tal e como explicou Rocío Coira. Ao tratarse dunha vivenda modulada, indicou, ofrece a posibilidade de, en sucesivas fases, ir completando as instalacións con novos servizos.

A Fundación tutelar Chamorro, o proxecto para o desenvolvemento da autonomía a través de vivendas de inclusión, un anteproxecto de centro residencial (xa presentado á Xunta) e outro para o desenvolvemento da autonomía a través da inserción laboral foron tamén outros dos traballos sobre os que falaron as representantes da asociación con Ferreiro e Sabio. Persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento son as destinatarias destes proxectos impulsados desde Nuestra Señora de Chamorro.

A alcaldesa recordou que o Concello mantén ao longo do ano diversas colaboracións coa entidade a través de diferentes áreas, como por exemplo a de Novas Tecnoloxías, desde onde se impulsou a iniciativa Innova Narón, premiada pola Amtega, e tamén colabora economicamente a través dun convenio anual de 12000 euros. “Esta asociación leva máis de medio século facilitando a vida ás persoas con discapacidade intelectual, axudándolles a ser autonómas na súa vida persoal e tamén laboral, o que é fundamental para erradicar unha serie de barreiras que lamentablemente aínda hoxe existen”, indicou Marián Ferreiro.

A edil de Igualdade aludiu tamén ao proxecto Fadas, sobre educación afectivo-sexual, que contou co respaldo do Consistorio naronés, e destacou o feito de que desde a entidade se faga sempre especial fincapé en “traballar en áreas de igualdade dun xeito transversal”.

Finalmente, Ferreiro e Sabio felicitaron ás representantes da asociación polo traballo que realizan e comprometeron o apoio da administración local naqueles proxectos nos que sexa posible.