Iniciativa dirixida a menores de entre 4 e 12 anos empadroados en Narón, que terá lugar os días 26, 27 e 28 de marzo e 2 de abril

A iniciativa, impulsada desde o Concello, diríxese a menores de entre 4 e 12 anos –ambas idades incluídas- empadroados en Narón e terá lugar nas instalacións da escola de Domirón (CRA) os días 26, 27 e 28 de marzo e 2 de abril.

Un dos requisitos para poder anotarse é que os dous membros parentais estean traballando (pai, nai, custodio/a ou titor/a).

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 23 de febreiro, se ben o número de prazas dispoñibles é de 20. As inscricións deben recollerse no Servizo Sociocomunitario do Concello –no primeiro andar- e entregarse no Rexistro municipal, en horario de 8.30 a 13.30, sendo preciso aboar o prezo da quenda desta actividade, establecida a través da pertinente ordenanza en 8,15 euros por participante.

Os asistentes disporán de servizo de transporte sempre que exista un grupo mínimo de dez solicitudes. Para o horario de ConciliaEscola entre as 7.30 e as 14.00 haberá só transporte de volta e para os que acodan de 9.00 a 14.00 o servizo será de ida e volta. As rutas a seguir estableceranse unha vez se coñeza a zona de residencia das nenas e nenos e informarase debidamente ás familias, nunha xuntanza pendiente de convocar, tanto do contido do programa como dos horarios e das paradas que realizará o autobús.

A concelleira naronesa recordou que xa se remitiu aos centros escolares da cidade a información relativa a este programa municipal, co fin de que tamén a difundan entre os potenciais participantes en ConciliaEscola Semana Santa. “Un ano máis, coincidindo coas vacacións escolares, neste caso as de Semana Santa, desde o Concello poñemos en marcha este servizo co que axudar ás familias de Narón a conciliar a súa vida laboral e familiar, polo que animamos ás persoas interesadas a anotarse”, apuntou Teresa Sabio.