Esta lectura forma parte dos actos programados polo Concello de Narón con motivo do Día Internacional do Pobo Xitano.

O salón de plenos do Concello acollerá hoxe luns, día 10, o inicio dos actos programados polo goberno local para conmemorar o Día Internacional do Pobo Xitano, celebrado o pasado 8 de abril.

Ás 10.30 horas un grupo de mulleres de etnia xitana procederá a ler no salón de plenos un texto reivindicativo sobre os dereitos das mulleres que forman parte deste colectivo na área educativa. A modo de referente, estará presente no acto unha rapaza que é a primeira da comarca cun ciclo superior de formación.

Unha vez que remate a lectura as mulleres, xunto con representantes do goberno local que acudan ao acto, dirixiranse ao parque fluvial do río Freixeiro, donde un grupo de nenos e nenas que asisten ás clases de apoio da Asociación Acción Familiar (AFA) –entidade que leva o programa  de minorías étnicas na cidade- realizarán unha lectura. Ao finalizar, procederase a levar a cabo a tradicional Cerimonia do Río. Trátase dun acto co que se amosa o respecto ás vítimas xitanas da II Guerra Mundial e, ao tempo, de ledicia, en recordo das orixes destes pobos e do seu éxodo polo mundo. Na Cerimonia do Río programada no municipio tiraranse ao cauce do río Freixeiro, nun tramo do parque fluvial, pétalos de flor, a modo de símbolo do transcurso da vida. Neste caso, tiraranse unhas flores realizadas en papel coa técnica do origami nun obradoiro impulsado pola Asociación xuvenil Gaikai esta mesma tarde.

Finalmente, unha muller xitana lerá o manifesto realizado este ano con motivo do Día Internacional do Pobo Xitano e, antes de dar por rematada a convocatoria, servirase tamén no parque de Freixeiro un café xitano, elaborado conforme marca a tradición desta etnia, tal e como explicou García.