Este acto pecha os actos programados con motivo do Día Internacional da Muller

O Centro Cívico Social da Gándara acollerá mañá xoves o último dos actos programados polo Concello de Narón con motivo da conmemoración do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller. A cita consistirá nun obradoiro informativo sobre o “Servizo de Atención psicolóxica para vítimas de violencia de xénero e dará comezo ás 18.00 horas, tal e como recordou a edil de Igualdade, Teresa Sabio. A convocatoria é aberta á participación da cidadanía en xeral.

O programa de actos impulsados desde o goberno local naronés, no marco do “II Plan de Igualdade do Concello de Narón” –a través das concellerías de Igualdade, Bibliotecas e Cultura- iniciouse o pasado 8 de marzo, coindicindo co Día Internacional da Muller.

O nomeamento da directora da Escola de Teatro de Narón, Flor Maceiras, como Muller do Ano de Narón 2017, marcou o inicio dos actos oficiais no Concello, que continuaron esa mesma tarde coa iluminación en cor malva da fachada do Pazo da Cultura. O 9 de marzo presentouse na Biblioteca municipal o libro “Machismos: de micro nada”, escrito polo grupo “Fiadeiras” e o pasado venres, día 10, celebrouse a tradicional cea das Mulleres, á que asistiron unhas 120 persoas e durante o transcurso da que novamente se homenaxeou, nesta ocasión dun xeito público, a Flor Maceiras.