Presentada esta mañá a “Pasarela Solidaria 2016. Mulleres en vermello”. 

O programa do evento, que terá lugar este venres, día 30, no Auditorio municipal (praza de Galicia) inclúe unha gran variedade de actos, tal e como se anunciou.

As persoas que desexen asistir –ás que se prega que acudan con algunha prenda de cor vermello- terán que achegar unha entrada solidaria, que consistirá en alimentos non perecedeiros, roupa ou calzado e que se destinarán ao Centro de Recursos Solidarios de Narón.

A cita, que presentará a xornalista naronesa Raquel Rodríguez, comezará ás 17.00 horas cunha mesa institucional e rematará sobre as 21.00, según as previsións. A Concellería de Sanidade de Narón colabora na organización do evento, con Amicor, a Asociación Dignidad Galicia, o Centro de Recursos Solidarios e a Asociación Americana do Corazón.

O edil naronés incidiu en que o acto coincide coa conmemoración, o vindeiro xoves, día 29, do Día Mundial do Corazón, e ten entre os seus obxectivos “que as mulleres tomen conciencia das enfermidades cardiovasculares que lle afectan ao colectivo”. Dopico recordou que son precisamente este tipo de doenzas as que provocan un maior número de defuncións no país, e no que respecta ás mulleres, apuntou, “morren case un 9% máis que homes debido a este tipo de enfermidades, sendo un dos principais problemas o feito de que a muller soe padecela con maior idade e acode máis tarde ao médico”.

O acto comezará cunha mesa inaugural, ás 17.00 horas, a que está prevista a asistencia, entre outros, de representantes do goberno local e do xerente da área sanitaria de Ferrol, Ángel Facio. A continuación comezará a conferencia de Emiliano Fernández-Obanza, cardiólogo do Centro Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) e ao seu remate terá lugar unha mesa redonda na que participarán, ademáis do médico Carlos Piñeiro, a tamén médico do Consultorio do Val, Portal González, e a matrona do Centro de Saúde de Narón, Isaura González.

Tralas intervencións dos profesionais sanitarios actuará o cantautor Marcos Mella e despois será o turno do primeiro pase de roupa de rúa, coa colaboración da Asociación Dignidad e na que participarán varias persoas de diferentes idades. A programación continuará coas actuacións de alumnado da Escola de baile Tedaga (en colaboración co Padroado da Cultura de Narón) e de Coredance (do Val) e o segundo pase será o de roupa de festa. Despois subirán de novo ao escenario do Auditorio municipal Tedaga e Coredance antes de proceder a pechar o acto coa actuación do Coro Solidario do IES Terra de Trasancos e Marcos Mella&Rober Gago.

O doutor Carlos Piñeiro explicou que desde o Centro de saúde de Narón trabállase en diversas ocasións con Amicor e coa entidade “Go red for women”, da Asociación Americana do Corazón, e destacou tamén os traballos que ao longo do ano se realizan en materia de prevención das enfermidades cardiovasculares entre a poboación. “En nome de cincocentos cincuenta investigadores do país presentarei en primicia datos dun estudo sobre a situación dos factores de risco cardiovascular na muller en España, que realizamos en colaboración cun centro estadounidense”, avanzou.

As entidades organizadoras agradeceron o apoio prestado desde o Concello de Narón a este evento e tamén a participación no mesmo dos profesionais da Área Sanitaria de Ferrol; dos protagonistas das actuacións de música e baile, e dos particulares que se implicaron nesta iniciativa. O edil de Sanidade animou aos veciños e veciñas de Narón e comarca a participar un ano máis nesta cita solidaria.