A asociación ASCM repartirá flores con mensaxes reivindicativos sobre Igualdade con motivo do Día da Muller

A Concelleira de Igualdade de Narón, Teresa Sabio, participou hoxe nunha rolda de prensa para presentar, xunto con membros da ASCM e entidades colaboradoras, o proxecto “A flor da Inclusión”, que se levará a cabo con motivo do Día Internacional da Muller.

Trátase dunha iniciativa da asociación sociocultural ASCM, que consistirá na entrega, ó maior número de mulleres posible, dunha flor cunha mensaxe reivindicativa sobre o papel da muller con discapacidade na sociedade actual. A mensaxe que acompañará a flor será “La peor discapacidad es no darse cuenta de que todos somos iguales”. A floristería Sedes proverá 300 flores para o seu reparto.

O proxecto levarase a cabo en dous días consecutivos, o domingo 8 e o luns 9 de marzo. Na xornada dominical, contarase coa colaboración de Eurotaxi Narón, cuxa propietaria, Guadalupe Piñón, participou na rolda de prensa celebrada hoxe. Cabe destacar que os vehículos de Eurotaxi son os únicos taxis dispoñibles para persoas con movilidade reducida. A flor entregaráselle a tódalas persoas que utilicen este vehículo na xornada do día 8. A segunda parte do proxecto levarase a cabo o luns 9 de marzo, en colaboración coa Concellería de Igualdade, cuxa responsable acompañará ós membros da ASCM no reparto das flores con mensaxe, esta vez nas inmediacións do Complexo Hospitalario Arquitecto Marcide de Ferrol (de 11:30 a 12:30) e do Hospital Xeral Juan Cardona (de 16:30 a 18:00 horas).

Os obxectivos desta iniciativa son varios:

  • Sensibilizar e concienciar á sociedade en xeral sobre o papel da muller con discapacidade.
  • Resaltar a importancia do trato igualitario entre mulleres e homes con e sen discapacidade.
  • Destacar o papel da muller con discapacidade na sociedade.
  • Eliminar estereotipos existentes das mulleres con discapacidade.