A Concellería de Igualdade desenvolverá charlas de autocoidados e outras actividades para conmemorar o Día Internacional da Muller.

A Concelleira de Igualdade de Narón, Teresa Sabio, presentou hoxe en rolda de prensa as actividades que se levarán a cabo con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres.

Os actos darán comezo o venres 6 de marzo co nomeamento institucional da Muller do ano 2015, cuxo nome darase a coñecer no transcurso do acto, previsto para as 12:00 horas no Concello.

A seguinte acción está prevista para o venres 13 de marzo, data na que se celebrará a tradicional Cea das Mulleres. A cita será ás 21:30 horas no restaurante Casa Becerra (San Xiao-Narón), e o prazo para adquirir as entradas estará aberto do 2 ó 10 de marzo.

A continuación, celebraranse dous obradoiros de saúde autocoidados:

  • Luns 16 de marzo: Obradoiro de Sensibilización contra o cancro de mama (ás 16:00 horas no local da Fundación Terra de Trasancos –O Val-).
  • Venres 27 de marzo: Obradoiro sobre o diafragma pélvico (ás 19:00 horas, no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros –A Gándara-).
  • Sábado 28 de marzo:  Obradoiro de autodefensa para mulleres (ás 10:30 horas no Local Social de O Val).


Estas actividades realízanse en colaboración co movemento asociativo de Narón. Para calquera dúbida, as interesadas poden contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal (teléfono 981 33 77 00 –extensión 1108).